Cursos de mariñeiro/a pescador/a

Convocados tres cursos de mariñeiro/a pescador/a na modalidade de teleformación: na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ribeira, na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol e no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

O período de preinscrición para estes cursos que contan con 60 prazas cada un, está aberto ata o próximo 14 de abril.

Curso de recolector/a de recursos específicos

Publicada a RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2023 da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro pola que se convoca un curso de recolector/a de recursos específicos con técnicas de mergullo no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA) na Illa de Arousa. O prazo de admisión de solicitudes remata o 14 de abril e o número de prazas é de 12.

Aperturas e peches

O 31 de marzo rematou o periodo autorizado para a captura do lumbrigante, que poderá volver a ser extraído a partir do 1 de xullo.

Por outra banda, o 31 de marzo rematou a campaña da volandeira na Ria de Arousa e entre o 27 e o 30 de marzo realizáronse extraccións de vieira na Enseada de San Simón por parte de 3 embarcacións da Confraría de Pescadores de Redondela.

Plan da Anguía na ría de Vigo

Publicada a RESOLUCIÓN de 6 de febrero de 2023 pola que se autoriza o Plan de pesca de anguía para as confrarías de pescadores da ría de Vigo, tempada 2023.

O período autorizado será desde o 1 de maio ata o 31 de outubro. As artes autorizadas son nasa voitirón e nasa para anguía e ningunha embarcación poderá empregar máis de 80 nasas ao día.

Novos plans de xestión

Aprobados os plans de xestión de marisqueo de nova incorporación para a conservación e explotación do ourizo na súa modalidade a pé durante o período 2023-2024, presentado pola confraría de pescadores de Muxía e de anemone (Anemonia viridis) e longueirón (Ensis siliquia) na modalidade de mergullo con subministro de aire dende embarcación das confrarías de pescadores de O Barqueiro e Espasante.

Convocatoria de PERMEX

Convocados procesos selectivos para o acceso ao permiso de explotación, na modalidade de marisqueo a pé, para o exercicio da actividade extractiva nas Confrarías de Pescadores de A Illa de Arousa, O Barqueiro, Cabo de Cruz e Muros, e na Agrupación de Mariscadoras de San Cosme de Barreiros.

Convocados procesos selectivos para o outorgamento da modalidade solénidos e da modalidade anemone, ambas a mergullo con subministración de aire dende superficie, das Confrarías de Pescadores de Espasante e O Barqueiro.

Proxecto DIVERSIMAR

Entender os cambios que teñen lugar no medio mariño e nas pesqueiras require dun bo coñecemento sobre a bioloxía e ecoloxía das especies, así como sobre a súa distribución e abundancia, sendo esta información non sempre doada de conseguir. O proxecto DIVERSIMAR nace co dobre obxectivo de desenvolver ferramentas que permiten rexistrar datos de especies mariñas e facer un seguimento das mesmas na área de estudo e establecer unha rede de colaboración coas persoas relacionadas co mar e a cidadanía en xeral. Se queres saber máis sobre o proxecto e como colaborar, preme aquí para ver un artigo.

A receita do mes

A xarda é un peixe azul que entre abril e xullo está no seu mellor momento para ser consumida. Entre os seus valores nutricionais destaca o seu alto contido en ácidos graxos omega 3 que nos axudan a diminuír o colesterol e os triglicéridos no sangue. Así mesmo, é rica en vitaminas B12 e D.

O equipo de Gastroteca Salvaxe, na Nave 5 do Mercado de Abastos de Santiago de Compostela, amósanos cómo preparala ao lombo acompañada dunha allada cítrica que potencia o seu intenso sabor. Preme aquí para ver a receita.