No mes de xullo, a Consellería do Mar puxo en marcha a campaña Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear, en 14 areais da nosa comunidade. A iniciativa continuará no mes de agosto en 31 praias galegas, seleccionadas por ter unha maior produción marisqueira, así como un elevado número de visitantes durante a tempada estival.
A través de dinámicas de xogo, amósase o traballo diario de mariscadores e mariscadoras: especies que extraen, tamaños mínimos, actividades como sementeiras e limpezas, gastronomía e seguridade alimentaria.
Esta acción de sensibilización busca seguir concienciando á cidadanía sobre a importancia do sector marisqueiro na comunidade e sobre a ilegalidade que supón a extracción de marisco sen permiso de explotación. O furtivismo é un problema socioeconómico que prexudica aos mariscadores profesionais, supón un importante dano para o medio ambiente e un risco para a saúde pública, xa que o marisco extraído non pasa ningún tipo de control sanitario.