Degustación popular en Lira

Un ano máis, a Confraría De Pescadores de Lira organiza unha degustación popular de produtos da reserva mariña de Lira.

A primeira cita tivo lugar o sábado 24 de xullo no porto de Lira e a segunda celebrarase o vindeiro sábado 14 de agosto. Nela poderedes degustar, entre as 12 e as 20 horas, os mellores produtos procedentes da lonxa desta localidade, certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Festa da Xouba de Rianxo

O 24 e 25 de xullo tivo lugar a Festa de Exaltación da Xouba de Rianxo, que este ano realizouse en modalidade on line, a través de dous showcookings dos cociñeiros Federico López Arcay (A Quinta da Agua) e Hugo Rey (Curral do Marqués).

Ambos restaurantes están adheridos ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?. Podes ver os vídeos coas elaboracións premendo nas seguintes ligazóns: A Quinta da Auga e Curral do Marqués.

Especie do mes: Navalla

A navalla, Ensis magnus (=arcuatus), é un molusco bivalvo cunha superficie brillante que semella vernizada. As súas valvas arqueadas (en forma de navalla) permiten diferenciala do longueirón. Extráese a man dunha nunha, a pé ou, máis frecuentemente, a mergullo en apnea ou con subministro de aire dende superficie. De carne saborosa e consistente, podemos degustalas simplemente abertas á grella cunhas pingas de limón. Preme aquí para ver unha ficha informativa.

Veda do choco nas Rías Baixas

A veda para o choco (Sepia officinalis) comezou o día 5 de xullo na Ría de Pontevedra, o día 19 de xullo na Ría de Vigo e o día 1 de agosto na Ría de Arousa.

Ata finais de outubro queda prohibida a captura, tenza a bordo, transbordo, comercialización ou venda desta especie nas tres rías, por dentro das liñas de referencia do anexo III do Decreto 15/2011 do 28 de xaneiro polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Preengorde de ameixa en Cambados

As agrupacións de marisqueo a pé e a flote da Confraría de Pescadores de Cambados realizan preengorde de ameixa en batea entre os 0,5 e 15 mm (proceso que dura entre dous e tres meses) para despois sementala nos seus bancos marisqueiros.

Cada tres semanas lavan e peneiran as ameixas e volven introducilas en mallas limpas coa densidade axeitada para favorecer o seu crecemento. De media cada ano pasan pola súa batea experimental en torno a 8 millóns de unidades de ameixa xaponesa e 5 millóns de ameixa babosa.

GALICIA SABE AMAR

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, presentaron o venres 6 de agosto a nova campaña para a promoción dos produtos do mar, co obxectivo de impulsar o consumo de peixes e mariscos entre a cidadanía. Baixo o lema GALICIA SABE AMAR destácase de xeito fresco e atractivo a calidade e grande variedade de produtos do mar cos que conta Galicia. A campaña pon en valor a diversidade de formatos e posibilidades que ofrecen os peixes e mariscos permitindo a elaboración de pratos da máxima calidade. Preme aquí para ver o vídeo.

Os nosos usuarios: Mariscos Inés, S.L.

Mariscos Inés, S.L. é unha empresa familiar con máis de 25 anos de experiencia no sector da depuración de bivalvos que tamén distribúe peixes e mariscos tanto a maioristas de distintos puntos da península como ao mercado minorista. Está certificada na marca pescadeRías para bivalvos, gasterópodos, cefalópodos, peixes, crustáceos e equinodermos. Así mesmo, ofrece os seus produtos na peixería ubicada nas súas instalacións de Redondela, adherida ao selo este mes.

Novas peixerías adheridas

O pasado mes adheríronse dúas novas peixerías á marca pescadeRías.

No Mercado de Abastos de Muros Peixes e Mariscos Nero ofrece excelentes produtos locais procedentes da pesca artesanal.

A empresa certificada Mariscos Inés, con sede en Redondela, adheriu a peixería que ten nas súas instalacións na que ofrece os seus produtos como establecemento minorista de acceso ao público en xeral.

Convocatoria de PERMEX

Publicada a RESOLUCIÓN da xefatura territorial da Consellería do Mar na Coruña, pola que se convoca o proceso selectivo para o acceso ao permiso de explotación, modalidade ourizo a pé, para o exercicio da actividade extractiva na confraría de pescadores de Malpica.

O plan de xestión do ourizo na modalidade a pé en Malpica é de nova incorporación e foi aprobado pola Consellería do Mar o pasado mes de maio. O número de prazas convocadas son 10.

Restaurantes Fogar do Santiso

Fogar do Santiso é un proxecto familiar de restauración que ten como obxectivo por en valor a cultura galega e o rural. Co paso do tempo convertiuse nun referente cultural e gastronómico en Galicia. No camiño cara a sustentabilidade e como modelo na restauración e na dignificación do rural, comezan unha viaxe hacia o autoabastecemento pasando a producir as súas propias materias primas en ecolóxico e a axudar a outros produtores. Nos seus establecementos de restauración de Lapamán, Oleiros, Santiago de Cospostela, Allariz e Teo, que acaban de adherir á marca, apostan polos produtos do mar certificados por pescadeRías.