10 BOCADOS SOLIDARIOS

O pasado 27 de febreiro celebrouse o evento 10 bocados solidarios no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela. A iniciativa foi promovida polo chef galego Kike Piñeiro e polo colombiano Charlie Otero con motivo do Día Mundial contra o Cancro (5 de febreiro) e co obxectivo de recadar fondos en beneficio da Asociación Española Contra o Cancro, AECC.

A Xunta de Galicia colaborou aportando diversos produtos galegos con indicativo de calidade diferenciada que utilizaron os 11 cociñeiros e cociñeiras para elaborar as tapas solidarias.

Os produtos certificados estiveron presentes nas elaboracións de Charlie Otero e Estefanía Serrano (Thai Arturo Soria), coa tapa polbo galego pescadeRías, nas de Kike Piñeiro e Eloy Cancela (Horta do Obradoiro), que traballaron con ourizo de mar de pescadeRías e queixo de Arzúa – Ulloa, e na de Diego Domínguez e Maica Couto (A Ostrería), que cociñaron con volandeira de pescadeRías.

Pola súa banda, Marcos Domínguez (Parador de Vilalba) traballou con queixo San Simón da Costa, Luis Romaní (Sybaris 2.0) e Jorge Gago (A Maceta) con Ternera Gallega e Mexillón de Galicia respectivamente e Álvaro Victoriano (Grupo Peculiar) e Gerson Iglesias (Erva Oca Vila de Allaríz) con produtos de Mel de Galicia, queixo do Cebreiro e Fabas de Lourenzá.

O servizo de sala estivo coordinado por Marcelino Cambeiro, maître do Hostal dos Reis Católicos, e Manel Oliveira, mestre de sala do CIFP Compostela.

No evento, que tivo aforo completo, participou tamén a conselleira do Mar, Rosa Quintana, a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez Moreda e Francisco Pais, presidente da Asociación Española contra o Cancro en Santiago.

Preme aquí para ver un vídeo resumo do evento elaborado por Xaime Cortizo. Parabéns pola iniciativa!