Presentación de resultados

O 1 de decembro celebrarase no Edificio Feuga de Santiago de Compostela a presentación de resultados do servizo de apoio á promoción e comercialización de produtos do mar do Clúster Alimentario de Galicia, no que están participando catro empresas certificadas pola marca pescaderías, ¿de onde se non?: a cooperativa Pulponor, Frigoríficos Rosa de los Vientos, Mariscos del Ortegal e a Confraría de Pescadores San Antonio de Cambados. A xornada está aberta ao público, previa inscrición.

Info aquí.

V Programa Fundación Juana de Vega

A Fundación Juana de Vega pon en marcha o V Programa de Emprendemento Agroalimentario, aberto aos sectores pesqueiro e marisqueiro. Para empresas de nova creación ou en fase de lanzamento, sucesións familiares, posta en valor de activos improdutivos ou novas liñas de negocio de empresas xa existentes. Convocatoria aberta ata o 30 de novembro. Infórmate!

Descarga o cartel aquí.

Descarga o díptico informativo aquí.

Descarga as bases da convocatoria aquí.

Congreso de Nutrición e Dietética

Na primeira semana de novembro celebrouse no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela a XVI Reunión da Sociedade Española de Nutrición e o XXII Congreso da Sociedade de Nutrición e Dietética de Galicia. Paralelamente, tiveron lugar o Curso de Nutrición e Alimentación Saudable: Coaching nutricional e as III Xornadas de Xóvenes Investigadores. Os 240 participantes gozaron dunha cea de gala, onde tiveron ocasión de coñecer de primeira man os produtos certificados co selo pescadeRías, ¿de onde se non?

Axudas Re-acciona e Re-acciona TIC

Convocatorias dos Programas Re-acciona e Re-acciona-TIC, promovidas polo IGAPE e AMTEGA, abertos ao sector marítimo-pesqueiro. Re-acciona é un programa de mellora da competitividade empresarial e Reacciona-TIC ofrece asistencia na implementación de solución dixitais para a mellora da xestión, producción, prestación de servizos, comercialización e marketing dixital. O prazo de presentación remata o 25 de novembro no Re-acciona e o 30 no Re-acciona TIC.

Info: http://reacciona.igape.es/

Novos usuarios

Durante o mes de outubro pasaron a auditoría para a certificación como usuarias da marca pescadeRías, ¿de onde se non? catro novas entidades, que a partir de agora poderán etiquetar os seus produtos baixo o noso selo de calidade: a Lonxa de Aldán-Hío, para bivalvos e cefalópodos; a Lonxa de Muros, para bivalvos, cefalópodos, crustáceos e peixes; Mariscos Calimar, para bivalvos, crustáceos e equinodermos, e Mariscos Laxe de Rons, para crustáceos e peixes.

Dámoslle a benvida a todas elas!

Recertificacións

O pasado mes de outubro renovaron a súa certificación para o uso da marca durante outros cinco anos as seguintes entidades: a Lonxa de Moaña, certificada para bivalvos; a depuradora Marcos Lago, certificada para bivalvos e equinodermos, e a Lonxa de Mugardos, certificada para bivalvos. Ademais, realizouse a auditoría de seguimento da Lonxa de baixura de Vigo, e a de Porto de Cambados, que ampliou a súa certificación de bivalvos a crustáceos, cefalópodos, equinodermos e peixes.

Cos Gastrobloggers

O 22 de outubro tivo lugar a VI Xuntanza de Blogueiros/as Gastronómicos en Lugo, con participantes de Galicia e Asturias. Nesta ocasión, pescadeRías, ¿de onde se non? estivo presente cunha presentación de anémonas e ourizo, que correu a cargo de Rita Pesqueira, do equipo de xestión da marca. Álvaro Villasante, do Restaurante Paprica, adherido á marca, foi o encargado das elaboracións: tempura de anémona e xenxibre e niguiri de ourizo e bonito en augachile cremoso.

A noticia na RTVG aquí.

PescadeRías no Forum Gastronómico

Estivemos no Forum Gastronómico de Barcelona para promocionar os produtos certificados pola marca. A presentación dos Sabores da pesca artesanal en Galicia correu a cargo de  Lucía Freitas, do Restaurante A Tafona Casa de Xantar, adherido á marca, que tamén realizou unha degustación de conservas de peixes e mariscos, da man de Anfaco-CECOPESCA. Mariscos del Ortegal, empresa certificada, presentou os seus produtos baixo o lema «Ortegal al punto».

A crónica de La Voz de Galicia aquí.

Apertura de campañas

Conta atrás para a apertura da campaña do centolo, que abrirá o 13 de novembro. Tamén abre este mes a campaña do ourizo naquelas confrarías que aínda non a iniciaron e a volandeira con bou de vara na Ría de Arousa.

Tamén comezaron as mostraxes de vieira por parte da flota de Cambados. Se os resultados das análises de biotoxina tipo ASP son satisfactorios, está previsto que a extracción comece no mes de novembro, de cara a acumular stock suficiente para a campaña de Nadal.

Resultados Avaliación Polbo-OPAGA

En outubro, OPAGA e a Federación Galega de Confrarías celebraron o  seminario final do proxecto  “Avaliación da pesquería do polbo en Galicia 2016″, e presentaron os resultados dunha enquisa realizada a 63 pescadores de 25 confrarías de Galicia. Interrogados sobre si consideran beneficioso unha marca de calidade como pescadeRías, un 72% contestou afirmativamente, fronte a un 6% que o ve negativo e un 22% ao que lle resulta indiferente. Resultados da enquisa aquí.

http://www.opaga.es/pesqueriadopolbo/

Imaxe: Federación Galega de Confrarías