34 Edición do Salón Gourmets

Do 18 ao 21 de outubro celebrouse a 34 Edición do Salón Gourmets no Recinto Feiral de IFEMA en Madrid. A Consellería do Mar estivo presente no Stand institucional da Xunta de Galicia, así como as empresas certificadas coexpositoras Currimar Conservas Traicionais, Conservas La Brújula S.L., Conservas Portomar S.L.U., Conservera Gallega S.A., Mares de Galicia, S.A., Mariscos Daporta S.L. e Porto-Muiños S.L. O evento contou cun amplo programa de actividades no Espazo Degustación onde a marca pescadeRías, ¿de onde se non? estivo presente en 4 mostras de cociña en directo dando a coñecer a pesca artesanal, os oficios do mar e os produtos certificados. Premendo aquí podes ver un vídeo.

Exaltación do berberecho de Noia

O pasado 28 de outubro celebrouse a VI Edición das Xornadas de Exaltación do Berberecho de Noia impulsadas pola Confraría San Bartolomé de Noia. O cociñeiro invitado este ano foi Javier Olleros (Restaurante Culler de Pau), que coñeceu os bancos de marisqueo a flote, a clasificación de produto e a depuradora e realizou un showcooking na Sociedade Liceo de Noia na que amosou en diferentes preparacións a potencialidade deste suculento bivalvo. O día 31, no marco da IV Edición de Mares da Fin do Mundo, mostra internacional de cinema documental en Outes, tivo lugar unha degustación gastronómica de Berberecho de Noia, capitaneada por Miguel Mosteiro (Gastrolab). Preme aquí para ver un vídeo.

Especie do mes: polbo

Se hai unha especie emblemática da gastronomía galega é o polbo, sendo á feira a preparación típica de Galicia por excelencia.

Este cefalópodo de oito brazos e cabeza grande debaixo da que agocha unha boca formando un pico «de loro» duro do que se vale para comer nécoras, cangrexos…, vive preto da costa e é de hábitos nocturnos. A súa extracción regúlase con plans de xestión anuais que establecen o período de veda. A forma máis utilizada para capturalo é a nasa deseñada especificamente para esta especie.

Preme aquí para saber máis.

Campaña da volandeira na Ría de Arousa e do choco en Redondela

O día 2 de novembro comezou a campaña da volandeira na Ría de Arousa. Esta especie non debe ser confundida coa zamburiña, tamén presente na costa galega.

Por outra banda, o día 8 deste mes inciouse a campaña do choco en Redondela. A Confraría de Pescadores San Xoán de Redondela realiza a venda deste cefalópodo baixo a marca Choco de Redondela.

Apertura da centola

O día 6 de Novembro rematou a veda da centola (Maja brachydactyla) desde a desembocadura do río Miño ata o paralelo que pasa polo cabo Estaca de Bares. Entre este e a desembocadura do río Eo, continúa prohibida a súa extracción ata o día 27 deste mes.

A captura desta especie está regulada polo Plan de xestión da centola e do boi 2021 – 2022.

Accións formativas

Durante o mes de outubro impartiuse formación en hixiene e manipulación de alimentos a persoal de nova incorporación da Confraría de Pescadores de Cabo de Cruz así como a persoal da lonxa e da Confraría de Pescadores de Bueu.

Ter actualizada a formación nestas materias é requisito indispensable para a superación das auditorías de recertificación para o selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

A empresa do mes: Mares de Galicia, S.A.

Mares de Galicia, S.A. é unha empresa familiar con longa tradición no sector adicada á comercialización de mariscos frescos e elaborados, inspirada nas máximas de calidade e bo facer. Está certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? para os grupos biolóxicos bivalvos, crustáceos, equinodermos e gasterópodos que comercializan tanto en fresco como en transformado.

Durante a última edición do Salón Gourmets de Madrid presentaron unha nova liña de produtos pasteurizados con salsas elaboradas polo cociñeiro Pepe Solla.

Nova peixería adherida

Dende mediados de outubro, podemos atopar no Mercado de Chamartín de Madrid os produtos da pesca comercializados por O Percebeiro, entidade certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?. Neste mercado, O Percebeiro conta cun punto de venta directa ao público adherido á marca pescadeRías onde ofrece os mellores peixes e mariscos procedentes da pesca artesanal de Galicia.

O Percebeiro conta así mesmo cunha tenda on line, tamén adherida á marca, dende a que envían a domicilio os produtos máis frescos en menos de 24 horas tras a súa compra nas poxas nas lonxas.

Certificacións

A cetárea de crustáceos e distribuidor de peixe, cefalópodos e bivalvos Salitre realizou a súa auditoría inicial de certificación no mes de outubro, con alcance para crustáceos, bivalvos, cefalópodos e peixe. Así mesmo, tiveron auditorías de recertificación Mariscos Campelo, S.A. (bivalvos, equinodermos e cefalópodos), Armadores de Burela, S.A. (cefalópodos) e a Confraría de Pescadores de Bueu (cefalópodos, bivalvos, peixe, crustáceos, equinodermos e gasterópodos), que a maiores ampliou o seu alcance de certificación ao grupo biolóxico antozoos. A Confraría de Pescadores de Cabo de Cruz (bivalvos) superou unha auditoría de seguemento da marca.

Axudas

ORDE do 25 de outubro de 2021 pola que se regulan as bases e a convocatoria para o ano 2021 das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, pola paralización temporal da actividade de marisqueo a pé como consecuencia do gromo da COVID-19.

Convocatoria de axudas de apoio ao sector pesqueiro para fomentar a recuperación e modernizar o modelo produtivo.

Convocatoria de axudas para armadores de barcos de eslora total igual ou superior a 12 metros, tendo preferencia para as axudas os armadores de barcos de eslora total igual ou superior a 24 metros, para a adquisición por primeira vez, e instalación de Sistemas de Seguemento Electrónico Remoto (REM).