Sial París 2022

Consellería do Mar estivo presente na feira Sial Paris 2022, celebrada entre o 15 e o 19 de outubro, no stand de máis de 280 metros cadrados de superficie da Xunta de Galicia. O posto albergou, así mesmo, a 14 entidades coexpositoras entre as que estiveron as empresas certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?Mares de Galicia e Conservas la BrújulaSial París constitúe un gran escaparate europeo para os profesionais e empresas do sector da alimentación e das bebidas. 

Blue Atlantic Forum 2022

Do 19 ao 21 de outubro celebrouse no Parador de Baiona a II edición do Blue Atlantic Forum, organizado polo concello de Baiona. As 3 xornadas de debate estiveron dirixidas aos sectores da pesca, biotecnoloxía e turismo. A marca pescadeRías participou na mesa redonda Está o meu pescado certificado? celebrada o día 19. Na mesa tamén participaron, entre outros, Pescados Rabina, entidade adherida á marca e a Confraría de Pescadores de Redondela que está certificada polo selo.

Foro Academias da Gastronomía de España en Galicia

Máis de 30 persoas asistentes ao Foro das Academias Autonómicas de Gastronomía de España en Galicia puideron degustar os produtos certificados pescadeRías, ¿de onde se non? na cea que tivo lugar no Pazo de Rubianes.

O menú foi elaborado polo chef iñaki Bretal do restaurante O Eirado de Pontevedra, adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Proxecto Neptunus

A subdirectora xeral da Pesca e Mercados da Pesca, Marta Villaverde Acuña, impartiu a charla pescadeRías, ¿de onde se non?: o valor da diferenciación no seminario A importancia e impacto das ecoetiquetas no consumo celebrado o 25 de outubro, organizado polo Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnologías Ambientales (CRETUS) da Universidade de Santiago de Compostela, no marco do Proxecto Neptunus.

Xuntanza de Bloggers Gastronómicos

Un ano máis, os produtos certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, estiveron presentes na X Xuntanza de Bloggers Gastronómicos que tivo lugar na Ribeira Sacra, o 29 de outubro.

Carlos J. González, cociñeiro do restaurante Merenzao de Doade (Sober – Lugo), deseñou un menú no que o xurelo, o polbo e as ameixas certificadas estiveron moi presentes.

Especie do mes: robaliza

A robaliza (Dicentrarchus labrax) é un peixe semigraxo que está no seu mellor momento de consumo durante o outono e inverno. Ademáis de ser fonte de proteínas de alto valor biolóxico e ácidos graxos omega3, destaca o seu contido en fósforo e selenio e en vitaminas do grupo B. Vive sobre todo tipo de fondos na zona litoral, dende zonas superficiais ata os 100 m de profundidade, onde é capturada de xeito artesanal con artes de enmalle e anzois. Preme aquí para ver unha ficha.

Accións formativas

Durante o mes de outubro impartiuse formación en hixiene e manipulación de produtos pesqueiros a todo o persoal da empresa Pescados y Mariscos del Noroeste, S.L., con sede no porto de A Coruña. Así mesmo, os responsables desta entidade, recibiron formación en sistemas APPCC. Ter actualizada a formación nestas materias é requisito indispensable para renovar a certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Empresa do mes: Confraría de Bueu

A DESPENSA DA RÍA é una iniciativa da Cofradía de Pescadores «San Martiño» de Bueu, certificada polo selo pescadeRías (peixe, crustáceos, cefalópodos, bibalvos, gasterópodos, equinodermos e antozoos) co obxectivo de facilitar a comercialización ao consumidor final dos produtos da súa lonxa. Nesta peixería on line podes atopar produtos descargados na Lonxa de Bueu pola súa frota artesanal e comercializados por peixerías locais, principalmente da praza de abastos.

Recertificacións

Durante o mes de outubro, leváronse a cabo auditorías de recertificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non? na Lonxa de Vigo (certificada para cefalópodos, crustáceos e peixe), xestionada pola Autoridade Portuaria de Vigo e na empresa de distribución de peixes e mariscos frescos, cetaria e cocedoiro de mariscos, Pescados y Mariscos del Noroeste, S.L. (certificada para peixes e crustáceos), con sede no porto de A Coruña.