Tempada de volandeiras

O día 5 comezou a campaña da volandeira na Ría de Arousa. As diferentes confrarías da Ría acordaron a súa apertura tras os informes favorables por parte do INTECMAR. A volandeira comercialízase principalmente nas lonxas de Cambados e Rianxo, ámbalas dúas certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

No mercado poderás atopalas frescas durante a época de captura e conxeladas e evisceradas o resto do ano, comercializadas pola empresa certificada Porto de Cambados, S.L.

A centola e o boi regresan ás lonxas

Conforme se recolle na Resolución do 19 de xuño de 2018 pola que se aproba o Plan de Xestión da Centola e o Boi 2018-2019, ámbolos dous crustáceos poderán comezar a ser extraídos a partires do vindeiro 12 de novembro entre a desembocadura do Miño e o Cabo de Estaca de Bares. A veda continúa dende este punto ata o Río Eo ata o 2 de decembro. A veda no 2019 comezará cando así o estableza o novo Plan de Xestión 2019-2020, previsiblemente ao comezo do verán.

A cadelucha, a xoia de Cedeira

A cadelucha, Donax trunculus, é extraída por mariscadoras/es da Confraría de Pescadores de Cedeira entre outubro e abril na Praia de Vilarube. Unha parte das capturas, comercialízanse directamente ao público en A Tenda da Lonxa, tras pasar por un proceso de depuración.

É un molusco bivalvo que habita en praias abertas de augas limpas e area fina. A súa cuncha é lisa e as valvas alongadas, xeralmente de cor tostada, violáceas no interior. A talla mínima é de 35 mm.

Exaltación do Berberecho de Noia

Entre o 18 e o 21 de outubro, celebráronse as III Xornadas de Exaltación do Berberecho de Noia cun amplo e variado programa, organizadas pola Confraría de Pescadores de Noia. O Chef Paco Roncero coñeceu os bancos marisqueiros, a lonxa, a depuradora e a praza de abastos, ademáis de realizar unha magnífica masterclass. Ángels Barceló adicou o seu programa Hora 25 ao berberecho de Noia, leváronse a cabo xornadas técnicas e unha degustación popular con fins benéficos.  Aquí podes ver un vídeo.

I Festa da Empanada Mariñeira

Os pasados 6 e 7 de outubro celebrouse a I Festa da Empanada Mariñeira con produtos certificados pescadeRías, ¿de onde se non?, organizada polo Club de Piragüismo e a Confraría de Pescadores de Portonovo,  con showcookings, maridaxes e concursos de empanadas populares e interconfrarías. Nela rendeuse unha homenaxe a Joselito, Patrón Maior en funcións, en recoñecemento ao seu traballo, na que participaron familiares, amigos e representantes do sector. Aquí podes ver un vídeo resumo.

Showcooking A Cociña do Mar

Durante a última edición da Festa do Marisco de O Grove, a Asociación de Empresarios/as Grovenses de Bens e Servicios, EMGROBES, rendeu unha homenaxe a produtos pouco coñecidos como as herbas de litoral, as algas, o carneiro, o rabioso e o muxo, nun showcooking con produtos certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Aquí podes ver un vídeo resumo e descargar o recetario das distintas preparacións presentadas.

Certificacións e ampliacións

En outubro, Pescados Manuela García, S.L., certificouse para peixes e cefalópodos. A Lonxa de Burela, a Lonxa de Campelo e a empresa Europesca Gallega, S.L.U., pasaron auditoría de seguemento. Por outra banda, Mariscos Inés, S.L. certificada para bivalvos, equinodermos e gasterópodos, ampliou o seu alcance para a distribución de cefalópodos, crustáceos e peixe e Mariscos Veiro, certificada para bivalvos e equinodermos, ampliouno a crustáceos.

Mulleres no sector pesqueiro

Entre o 5 e o 7 de novembro, tivo lugar en Santiago de Compostela a I Conferencia Internacional de Mulleres da Pesca, que organiza a Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, coa colaboración da Xunta de Galicia e da FAO. O encontro contou con talleres temáticos, espacios expositivos e visitas a distintas localidades, orientados ao intercambio de experiencias, proxectos e boas prácticas arredor da situación da muller no ámbito pesqueiro.

A receita do mes

O muxo é un peixe semigraxo exquisito, dunha excelente calidade, que atopamos no mercado a un prezo moi asequible, procedente de augas abertas.

Francisco Caneda, profesor de cociña, amósanos como preparalo escabechado e acompañado de verduras e alga wakame. Esta preparación foi presentada nas xornadas A Cociña do Mar organizadas por EMGROBES durante a última edición da Festa do Marisco de O Grove. Aquí podes ver a receita.