IX Xuntanza de Bloggers

Un ano máis, produtos certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? acompañaron aos Bloggers Gastronómicos de Galicia na comida da súa xuntanza anual que se celebrou en A Coruña o 21 de setembro. Tito Fernández, xefe de cociña do Hotel NH Collection Finisterre de A Coruña, deseñou un menú no que o peixe e os moluscos certificados estiveron moi presentes. Participaron tamén nas elaboracións, os cociñeiros Gerson Iglesias e Pedro Lalo de Cociña Ourense e Juan Mato, do restaurante Artabria. Podes acceder a un vídeo resumo do encontro elaborado por NH Collection premendo aquí.

Saborea Galicia en Mar de Plata

Representantes de diferentes ámbitos profesionais de Mar de Plata asistiron os días 20 e 21 de setembro, ás presentacións do obradoiro Saborea Galicia en Mar de Plata, organizadas pola Secretaría Xeral da Emigración, en colaboración coas Consellerías do Mar e do Medio Rural, para a promoción de produtos do mar e agroalimentarios. O público asistente puido coñecer os produtos certificados de conservas Los PepetetesPorto-Muiños nos showcooking dirixidos por Daniel Guzmán, chef do restaurante Nova de Ourense. Aquí podes ver unha selección de fotografías do evento.

Premios economía azul

Xa está en marcha a II edición dos Premios Economía Azul, creados para recoñecer os proxectos destacados subvencionados polas axudas concedidas ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo, aprobadas para os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro co obxectivo de promover o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca.

Podes consultar os candidatos, que foron seleccionados entre os propostos polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia (GALP), e votar ao teu favorito premendo aquí.

Adhesións

A peixería do ALCAMPO de Vilagarcía de Arousa, na que podemos atopar peixes e mariscos procedentes da pesca artesanal adquiridos en lonxas da contorna, adheriuse este mes ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Na cidade de Santiago de Compostela, os restaurantes Mamá Peixe, taberna mariñeira, Auga e Sal, Pampín Bar, O Curro da Parra e Café de Altamira, que ofertan de xeito habitual peixes e mariscos de tempada na súa carta, tamén se adheriron ao selo durante o pasado mes de setembro.

Certificacións e seguementos

En setembro, dúas novas empresas acadaron a certificación para comercializar os seus produtos baixo o selo pescadeRías, ¿de onde se non?: Real Conservera Española, S.L., para bivalvos, peixe e equinodermos, e a empresa distribuidora Joy Embassy, S.L., para bivalvos, cefalópodos, peixe, equinodermos e gasterópodos. Benvidos!

Por outra banda, a distribuidora de Burela Descaexport, certificada para cefalópodos, e a Lonxa de Muros, certificada para bivalvos, cefalópodos, crustáceos e peixe, superaron auditorías de seguemento da marca.

Convocatoria de axudas

Publicada a ORDE do 23 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas destinadas aos familiares dos profesionais do mar falecidos no exercicio da súa actividade durante o ano 2019. Os beneficiarios das mesmas serán o cónxuxe ou parella de feito no momento do falecemento e os descendentes menores de 21 anos.

Podes consultar á ORDE premendo aquí.

Formación en Cabo de Cruz

En setembro, impartimos formación en Hixiene Alimentaria e Manipulación de Alimentos na Confraría de Pescadores de Cabo de Cruz. Participaron o persoal da lonxa, o patrón maior e a directiva da Agrupación de Mariscadoras.

Cabo de Cruz comercializa baixo o selo pescadeRías, ¿de onde se non?, os bivalvos procedentes dos seus bancos marisqueiros a pé e a flote, así como a navalla capturada a mergullo.

A receita do mes

O berberecho de Noia é un dos bivalvos estrela das nosas costas, que conta con recoñecemento a nivel nacional. O pasado mes de setembro comezou a extracción deste bivalvo, que se comercializa certificado polo selo pescadeRías, ¿de onde non?.

Rubén González, de El Cafetín de Pontevedra, ofrécenos unha proposta moi mariñeira para preparalo: Berberechos ao vapor de algas e salsa verde mariña acidulada. Podes vela premendo aquí.