Seguimos introducindo melloras na web deondesenon.xunta.gal. Nesta ocasión incorporamos un Centro de Apoio en liña para facilitar a comunicación coas empresas usuarias da marca e proporcionar solucións a problemas que poidan xurdir no uso diario da marca. Preme aquí para acceder ao Centro de apoio en liña. Tamén podedes seguir contactando co equipo de xestión da marca a través dos cauces habituais, ben vía telefónica ou por correo-e.
Mercado do Mar 2017
Estivemos no Mercado do Mar 2017, que se celebrou en A Coruña no ámbito do Festival Mar de Mares. Ademais dun posto informativo para dar a coñecer a marca pescadeRías, ¿de onde se non?, o sábado impartiuse o showcooking Tesouros das nosas Rías. A cociñeira Lucía Freitas sorprendeunos con tres elaboracións de navalla, berberecho e pinto. Entre as empresas expositoras, Currimar Conservas Tradicionais, certificada pescadeRías. Preme aquí para ver as imaxes do evento.
Artesanía no prato
Acaban de celebrarse as I Xornadas Artesanía no prato no Museo Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, organizadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño. Nestas xornadas, destinadas a evidenciar o valor da artesanía no ámbito da restauración, as conservas certificadas baixo o selo pescadeRías protagonizaron a sesión «Artesanía na Lata».
Con Cristina Mittermeier
Acompañamos á prestixiosa fotógrafa Cristina Mittermeier durante varias xornadas nas que percorreu coa súa cámara a costa galega, a fin de coñecer e fotografiar a pesca artesanal galega e o traballo das mulleres do mar. Deixámosvos aquí unha mostra dos seus vídeos, elaborado durante a súa visita á Ría de Muros e Noia.
Programa Fundación Juana de Vega
Está aberta a convocatoria do VI Programa de Emprendemento Agroalimentario da Fundación Juana de Vega dirixido a iniciativas empresariais nos eidos agroalimentario, forestal, marisqueiro e pesqueiro. Descarga aquí as bases da convocatoria. Para máis información, preme aquí. O prazo de presentación de propostas remata o 3 de novembro.
Premios Economía Azul
Varias entidades certificadas por pescadeRías optan aos I Premios Economía Azul, unha iniciativa da Consellería do Mar para recoñecer aos proxectos subvencionados no ano 2016. Os candidatos foron seleccionados entre os propostos polos Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro de Galicia (GALP). Podes votar ao teu favorito ata o 22 de outubro premendo aquí.
Certificacións
Durante o mes de setembro renovou a súa certificación o punto de primeira venda da Agrupación de Mariscadoras Río Anllóns, dedicada á extracción e comercialización de moluscos bivalvos. O seu principal recurso é un berberecho de gran calidade, que comercializan baixo a marca Berberecho do Anllóns e está amparado polo selo pescadeRías ¿de onde se non? Parabéns!
Sementeira na Illa de Arousa
A Confraría de A Illa de Arousa segue a repoboar os seus bancos marisqueiros. Durante o pasado mes de setembro sementaron millón e medio de unidades de ameixa xapónica e medio millón de ameixa babosa, dun tamaño medio entre 18 e 22 mm. Nuns meses estarán nos mercados, co selo identificativo de calidade pescadeRías ¿de onde se non?
pescadeRías, de cine!
Alfombra vermella, luces e moito glamur para os produtos certificados procedentes da pesca artesanal galega, que compartiron cartel coas estrelas do 10º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu-FicBueu 2017. O público que asistiu á gala de clausura tivo ocasión de degustar produtos de película: polbo e navallas certificados pescadeRías, ¿de onde se non?, Mexillón de Galicia e Bonito de Burela.
De visita con Guimatur
A comezos de setembro, a gañadora do noso anterior sorteo, Silvia Giménez Amoedo, gozou do seu premio, visitando a zona de marisqueo a pé de O Serrido. Tamén coñeceu a actividade diaria no porto e a comercialización dos produtos na lonxa da man de Victoria Oubiña, da Asociación Guimatur Cambados. Agradecémoslle tanto a Victoria como a Guimatur a súa colaboración na difusión dos oficios do mar e da cultura mariñeira, que fixeron deste premio unha experiencia inesquecible.