Novo restaurante adherido

En setembro adheriuse ao selo pescadeRías, ¿de onde se non? a Gastroteca Salvaxe, un proxecto de que Brais Bascoy e Jose M. Martínez no posto número 5 da Praza de Abastos de Santiago de Compostela.

A súa ubicación privilexiada dentro do mercado, permítelles seleccionar as mellores materias primas de tempada e de proximidade e aportar versatilidade e flexibilidade á súa carta na que combinan tradición, técnica e creatividade.

Certificacións

En setembro realizáronse auditorías de recertificación na empresa Mar do Morrazo, S. Coop. Galega (cefalópodos, crustáceos e peixe) e na Lonxa de Cangas (bivalvos, gasterópodos, cefalópodos, crustáceos, equinodermos, peixe, algas e antozoos), que ampliou a súa certificación como centro de expedición. Nas lonxas de Rianxo (peixe, cefalópodos, crustáceos e bivalvos) e Malpica (cefalópodos, peixe, crustáceos e equinodermos) realizáronse auditorías de seguimento e, esta última, ampliou o seu alcance a antozoos.

Inscrición para participar en feiras

O 03 de outubro abriuse o prazo de inscrición para asistir a feiras nacionais ou internacionais no primeiro semestre de 2023 ao amparo do posto da Consellería do Mar. Poden participar empresas produtoras e comercializadoras de produtos do mar con sede social en Galicia.

As empresas interesadas deben formalizar a súa inscrición e solicitude a través do portal Feimar, accedendo con Chave365 ou certificado dixital persoal.

Amigos para o seu propio beneficio

As asociacións entre diferentes especies a pequena escala adoitan pasar desapercibidas pero poden ter importantes implicacións ecolóxicas a nivel individual. Durante unha inmersión de exploración nas Illas Cíes, un equipo da asociación Ecoloxía Azul rodou un exemplar de congro aloxado nunha greta acompañado de ata sete diferentes especies de crustáceos, o cal representa un caso único de asociación interespecífica. Preme aquí para ver un artigo relacionado e aquí para ver o vídeo.

A receita do mes

O choco é un molusco cefalópodo baixo en calorías e rico en iodo, oligoelemento indispensable para o correcto funcionamento da glándula tiroides. Tamén é destacable o seu contido en vitamina E e selenio.

Este mes Alejandro Iglesias, do Restaurante Cabanas en Lalín, ofrécenos esta proposta para preparalo á grella que foi presentada na edición de 2022 do Salón de Alimentación do Atlántico – SALIMAT A BANCA. Preme aquí para acceder á receita.