Nova especie certificable: Serrán riscado

O serrán riscado (Serranus scriba) acaba de entrar na listaxe de especies que poden ser comercializadas baixo o selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

É un peixe de corpo alongado e rechoncho que se distingue pola súa cabeza puntiaguda e pola cola truncada e redondeada. O pedúnculo caudal é groso; a boca grande; o preopérculo aserrado e o opérculo presenta tres espiñas planas. As escamas son pequenas. A cor é inconfundible: o dorso e parte dos flancos son de cor rosada ou marrón pálida e presenta de cinco a sete raias transversais de cor marrón escura e unha gran mancha  que se fai máis evidente coa idade e o tamaño do peixe. A cabeza é un labirinto de liñas sinuosas azuladas que lembran a escritura arábiga, de aí ven o seu nome específico scriba. Habita en fondos rochosos superficiais e pradeiras de fanerógamas mariñas. É hermafrodita simultáneo, é dicir, durante o período de posta poden actuar tanto de machos como de femias. Péscase con trasmallos a pouca profundidade.

Fonte da fotografía: www.ictioterm.es