A Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia acordou iniciar a campaña de marisqueo 2019/20, o próximo día 16 de setembro, condicionado ao remate do episodio de toxina. Unhas 1500 persoas están autorizadas para a extracción de berberecho, ameixa fina, ameixa babosa e ameixa xaponesa, entre mariscadores/as a pé e dende embarcación. Os bivalvos comercializados na lonxa de Testal e o centro de primeira venda de O Freixo están certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.
Certificacións e adhesións
A empresa coruñesa Frigobotana, que distribúe produtos tanto frescos como conxelados, superou este mes a auditoría de certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non? baixo o cal comercializará o peixe procedente da pesca artesanal.
Tamén na cidade de A Coruña, no Mercado de Elviña, contamos cun novo axente adherido: La pescadería de José Somoza.
Benvidos!
Guía visual de especies demersais
No marco do proxecto MAPDESCAR, realizado polo Instituto Español de Oceanografía, cuxo obxectivo é caracterizar os descartes pesqueiros no caladoiro nacional Cantábrico- Noroeste, realizouse unha guía visual das especies demersais da plataforma continental de Galicia e o Mar Cantábrico.
A guía consta de dúas partes, que podes descargar nos seguintes enlaces: peixes e invertebrados mariños.
Axudas eficiencia enerxética
Publicada a orde que ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2019 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para proxectos colectivos que melloren a eficiencia enerxética nos edificios das lonxas pesqueiras mediante a modernización das instalacións de iluminación interiores baseadas en tecnoloxía led. O prazo remata o vindeiro 12 de setembro. Para máis información preme aquí.
A receita do mes
O chef Gerson Iglesias, namorado da súa terra e os seus produtos, amósanos a preparación desta receita cun clásico da nosa gastronomía como protagonista: Polbo grellado, crema de pataca e lactonesa de pemento. Gerson Iglesias pertence ao grupo Cociña Ourense, un novo proxecto que aúna a 13 reputados cociñeiros que desenvolven o seu traballo nesta provincia.
Preme aquí para acceder a ela.