Xa están publicados o Plan Xeral de Explotación Marisqueira e os Plans de Xestión de Recursos Específicos para o 2018. No primeiro documento está a información sobre os 94 plans de explotación presentados por entidades asociativas do sector. Unha das novidades é o plan específico de explotación das confrarías de Muros e Noia para o marisqueo a pé nas zonas de libre marisqueo. No segundo documento, aparece a información relativa aos 136 plans de xestión de recursos específicos: percebe, solénidos, equinodermos, peneira, algas, anémones e poliquetos.
Showcooking Aquí hai tomate
O 23 de decembro tivo lugar un Showcooking de Nadal con produto certificado pescadeRías, ¿de onde se non?, no Centro Comercial de Área Central de Santiago de Compostela, enmarcado nas actividades do Evento Gastronómico Aquí hai tomate.
O chef Alberto Lareo elaborou unha receita a base de pescada, algas, castaña e verzas. Ademais, as persoas asistentes recibiron información sobre os produtos que se cociñaron, así como sobre técnicas de corte de peixe.
Formación da marca Pescaenverde
O equipo de xestión da marca pescadeRías, ¿de onde se non?, xunto a técnicos de lonxas certificadas, participaron nun curso de formación de Consultor Rexistrado da Marca Pescaenverde, no marco do convenio de colaboración entre a Consellería do Mar da Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela para a incorporación e uso da marca pescaenverde xunto coa marca pescadeRías, ¿de onde se non?. O curso foi impartido polo Grupo de Investigación en Biotecnoloxía Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela.
Captura de crustáceos 2018
Publicados os períodos autorizados en 2018 para a captura de crustáceos. A nécora e o santiaguiño deixarán de poder ser capturados o 5 de xaneiro, abrindo de novo o 1 de xullo e o 1 de outubro respectivamente, ata fin de ano. A extracción de lagosta poderase realizar entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro. O lumbrigante permanece aberto ata o 31 de marzo, para logo pechar ata o 1 de xullo. Cangrexos, conguitos e patulates permanecerán abertos todo o ano.
Centenario da Confraría de Cambados
Felicitamos á Confraría de Pescadores San Antonio de Cambados, a máis antiga de España, que acaba de pechar os actos de celebración do seu centenario coa presentación de dous libros. O primeiro sobre a súa historia e, o segundo, sobre o mar de Cambados e a súa cultura mariñeira.
Ademais, inauguráronse na lonxa de Cambados uns paneis divulgativos sobre a actividade pesqueira e o marisqueo en Cambados.
Nova empresa adherida ao selo
En decembro adheriuse ao selo pescadeRías, ¿de onde se non? a peixería El Mar al Punto de Arteixo. Comercializa produtos do mar frescos e en conserva. O seu obxectivo é adaptar a peixería tradicional ás características da vida actual.
A súa estratexia é ofrecer os mellores produtos do mar e ser sinónimo de garantía e calidade.
Volandeira eviscerada no mercado
A empresa Porto de Cambados S.L. saca ao mercado a primeira volandeira eviscerada, certificada pescadeRías.
Capturada pola frota da Confraría de Pescadores de Cambados, e despois de pasar por un proceso de depuración, é eviscerada e envasada sobre a súa concha en bandexas de 12 unidades, perfectamente etiquetadas. No mercado, podemos atopala fresca, durante a tempada de captura e refrixerada e conxelada todo o ano.
Aquí podes ver un vídeo sobre o proceso.
Inicio da tempada da lamprea de mar
A pesca da lamprea comeza no mes de xaneiro e esténdese ata finais do mes de abril, aproximadamente. Coñecida como a raíña do río, a lamprea é unha especie eurihalina, cunha fase de vida fluvial e outra no mar. É unha especie amparada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? e podemos atopala certificada na lonxa da confraría de A Guarda, onde é capturada desde embarcacións, con redes de tres panos denominadas lampreeiras.
Un produto que merece a pena probar polo seu sabor e textura únicos.
A receita do mes
As ostras son un dos manxares dos nosos bancos marisqueiros que se poden atopar no mercado baixo o selo de pescadeRías, ¿de onde se non?, garantindo a súa orixe e calidade.
Fran Sotelino, chef e propietario de Bluemoon-Gastro, proponnos unha receita con perdiz escabechada e mazá. Unha elaborada proposta na que se combinan sabores de mar e terra que será un agasallo para os padais máis exquisitos.
Podes ver a receita aquí.