Nova peixería adherida

Coa apertura e adhesión á marca dun novo local no Mercado Municipal Quiroga Ballesteros, en Lugo, xa son tres os establecementos que Da Lonxa ao Prato ten adheridos ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Nas súas peixerías de Lugo, Monforte de Lemos e A Pobra do Caramiñal, a empresa distribuidora de peixe e mariscos Da Lonxa ao Prato, cuxa depuradora de moluscos bivalvos está certificada pola marca pescadeRías, ¿de onde se non?, pon a disposición da súa clientela, peixes e mariscos da pesca artesanal, procedentes de lonxas galegas.

Certificacións e seguementos

Durante o mes de xuño, a Confraría de Pescadores de “Pedra da Oliveira” (bivalvos) recertificouse no selo pescadeRías, ampliando o seu alcance de certificación á comercialización de cefalópodos. Tamén se recertificaron no selo a Confraría de Pescadores de Moaña (bivalvos), a Lonxa de Campelo AIE (bivalvos, cefalópodos, crustáceos e peixes) e a Confraría de Pescadores A Pastoriza de Vilanova de Arousa (bivalvos, crustáceos e algas). Por outra banda, as empresas distribuidoras e transformadoras Frigorífica Botana, S.L. (peixes) e Mares de Galicia S.A. (bivalvos, crustáceos, equinodermos e gasterópodos), superaron auditorías de seguemento da marca.

Convocatorias de axudas

Axudas destinadas a compensar as empresas de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura que tivesen perdas de produción entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020, como consecuencia do brote de Covid-19. Prazo 28/07/21.

Axudas para proxectos colectivos que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental. Prazo 28/07/21.

Axudas autonómicas para proxectos colectivos destinados a investimentos en portos pesqueiros, lonxas e lugares de desembarque, que faciliten o cumprimento da obriga de desembarque das capturas e o incremento do valor dos compoñentes infrautilizados das capturas. Prazo 08/07/21.

A vieira e a economía circular

A economía circular baséase na evolución do concepto tradicional das 3 R (reducir, reutilizar e reciclar) a un sistema multi- R (repensar, redeseñar, redistribuír, recuperar, reparar…) buscando un ciclo de utilización continuo dos recursos.

O consumo tradicional da vieira permitiu explorar unha infinidade de aplicacións:  Instrumento musical, cinceiro, envase para cociñar, enmenda ao solo, utensilio para beber ou material de construción.

Se se compara o seu contido proteico e pegada de carbono con diferentes grupos de alimentos, a vieira atópase situada entre aqueles que achegan unha maior cantidade de proteína pero cunha menor pegada de carbono. Preme aquí para ver o artigo de Gumersindo Feijoó, catedrático de enxeñería química na Universidade de Santiago de Compostela.

 

A receita do mes

O sargo é un peixe semigraxo, frecuente na nosa pesca artesanal, moi saboroso e que podemos atopar con facilidade na nosa peixería de confianza.  Ademais das proteínas de boa calidade que nos aporta, contén selenio,  que fortalece o sistema inmune e combate o envellecemento, así como vitaminas do complexo B.

Ignacio Cancela, chef do Restaurante San Francisco, situado no corazón da vila mariñeira de Malpica de Bergantiños e adherido recentemente ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, amósanos como preparalo ao forno, de xeito sinxelo, acompañado de produtos da horta de tempada.

Unha receita lixeira,  nutritiva e chea de sabores a mar e terra. Podes consultala premendo aquí.