A campaña «Do mar, vívese» ten entre os seus obxectivos informar sobre a importancia social e económica do sector do mar, poñer en valor a actividade do marisqueo en Galicia e promover unha xestión sostible dos recursos, desde o punto de vista económico, ambiental e social. A Consellería do Mar está a levar esta iniciativa a un total de 50 praias galegas ata comezos do mes de outubro, abarcando o período no que se rexistra maior afluencia de xente nos areais. A campaña busca involucrar aos turistas na transmisión destes valores por medio de xogos e actividades lúdicas e garantir a rastrexabilidade dos produtos pesqueiros e a súa seguridade alimentaria.