Novos plans de pesca aprobados

Publicada a RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2021 pola que se aproba o Plan de xestión da sardiña con arte de xeito para o ano 2022 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Publicada a RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2021 pola que se autoriza o plan de pesca de patexo (Polybius henslowii), patulate (Liocarcinus depurator) e conguito (Liocarcinus corrugatus) para o ano 2022 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Mellora clasificación microbiolóxica

A mellora dos resultados obtidos nos controis que realiza o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), permitiu a modificación da clasificación microbiolóxica dunha superficie total de arredor de catro millóns de metros cadrados de bancos marisqueiros das confrarías de Fisterra, Corcubión, Cambados, Vilanova de Arousa e Arcade.

Desde 2009 houbo unha mellora en 23 zonas de moluscos infaunais, con 139 bancos marisqueiros beneficiados.

pescadeRías, ¿de onde se non? na semana de exaltación dos produtos galegos de calidade

Os produtos da marca pescadeRías, ¿de onde se non? estiveron presentes na semana de exaltación dos produtos galegos de calidade con Denominación de Orixe Protexida (DOP), Indicación Xeográfica Protexida (IXP) e marcas de calidade que organizou o CIFP Carlos Oroza do 31 de xaneiro ao 4 de febreiro.

As persoas asistentes ás xornadas puideron degustar preparacións con polbo, ameixa rubia e babosa, berberecho, navallas e ourizo certificados.

Na actividade que se desenvolveu toda a semana participaron profesores e alumnado do Ciclo Medio de Cociña e Gastronomía, Ciclo Superior de Dirección de Cociña e Ciclo Superior de Dirección de Servizos e Ciclo Medio de Servizos en Restauración. A actividade, ademáis de formación práctica, proporciónalles coñecemento sobre a marca e os produtos certificados.

Parabéns pola iniciativa!

Accións formativas

Durante o mes de xaneiro impartiuse formación en Manipulación de Produtos Pesqueiros a persoal da lonxa da Confraría de Pescadores de Portosín así como de Boas Prácticas de Manipulación a armadores e tripulantes de barcos do cerco. Durante a acción formativa, recibiron información sobre o selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Accións formativas en A Aixola

O centro A Aixola de Marín oferta preto de 130 prazas en distintas accións formativas para o sector pesqueiro. A formación é gratuíta e terá lugar entre marzo e decembro deste ano. A prescrición está aberta e pode facerse a través da páxina web do centro, onde tamén se pode consultar o listado de cursos ofertados.

Convocatoria de PERMEX

Convocatoria de proceso selectivo para o outorgamento da modalidade de percebe desde embarcación, da confraría de pescadores de Cariño e da asociación de percebeiros de Cariño. Dúas embarcacións, con catro habilitacións asociadas.

Convocatoria de proceso selectivo para o outorgamento da modalidade de ourizo desde embarcación con técnicas de mergullo ás confrarías de Espasante e O Barqueiro. Unha embarcación con tres habilitacións asociadas na confraría de Espasante e unha embarcación con tres habilitacións asociadas na confraría do Barqueiro.

Convocatoria de proceso selectivo para o acceso ao permiso de explotación na modalidade de marisqueo a pé da confraría de Cambados. Nove prazas de marisqueo a pé.

Convocatorias de axudas

Convocatoria de Axudas para a innovación no sector pesqueiro, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convocan para o ano 2022.

Convocatoria de Axudas para investimentos que fomenten a pesca sustentable para propietarios de buques pesqueiros, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convocan para o ano 2022 os devanditos procedementos.

Convocatoria de Axudas autonómicas para proxectos ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativas (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, e se convocan as correspondentes ao ano 2022.

Axudas a proxectos colectivos

Convocatoria de Axudas autonómicas para proxectos colectivos de modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros, das lonxas ou establecementos autorizados para a primeira venda de produtos pesqueiros e dos lugares de desembarque, para a mellora da eficiencia enerxética, da protección do medio ambiente, da seguridade e das condicións de traballo, e da calidade e do control e rastrexabilidade dos produtos desembarcados da pesca.

Convocatoria de Axudas a proxectos colectivos para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables.

Convocatoria de Axudas autonómicas a proxectos colectivos para a protección e recuperación da biodiversidade mediante a recollida de residuos mariños.

Empresa do mes: Mariscos Laxe de Rons

Mariscos Laxe de Rons, nacida da experiencia de máis de 15 anos traballando cos mellores restaurantes e hoteis en Galicia e España e certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, adícase á venta de marisco e peixe ao por maior e detalle.

Os seus produtos poden ser adquiridos na súa tenda on line, tamén adherida ao selo, dende a cal realizan envíos a domicilio en transporte refrixerado a toda a península en menos de 24 horas