Novas peixerías adheridas

Da Lonxa ao Prato, S.L., que ofrece á súa clientela peixes e mariscos procedentes da pesca artesanal, suma catro novos establecementos na provincia de Lugo na cadea de establecementos Mercarural dos concellos de Carballedo, Taboada, Palas de Rei e Chantada.

Con estas xa son oito as peixerías que ten adheridas ao selo de calidade, onde tamén se inclúen as de SarriaMonforte de LemosLugo e A Pobra do Caramiñal.

Recertificacións e seguimentos

En maio, realizáronse auditorías de recertificación nas lonxas de Pontedeume (bivalvos) e Sada (peixe e cefalópodos) e nas empresas El Percebeiro, S.L. (bivalvos, equinodermos, cefalópodos, crustáceos e peixe) e Mariscos Comesaña, S.L. (peixe, crustáceos, equinodermos, cefalópodos e antozoos). A Lonxa de Corcubión, certificada para bivalvos, cefalópodos, equinodermos, crustáceos e peixe tivo unha auditoría de seguemento na cal ampliou o seu alcance a algas e antozoos.

Accións formativas

Durante o mes de maio impartiuse formación en hixiene e manipulación de produtos pesqueiros ao personal responsable da manipulación dos produtos da empresa distribuidora de peixes e mariscos Mariscos Comesaña, S.L. e da empresa distribuidora de conservas Nosa Arousa, S.L., en proceso de preparación para a súa certificación.

Garantir que todo o personal ten actualizada a formación nestas materias é un dos requisitos indispensables para a certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Empresa do mes: Conservas Antonio Pérez Lafuente, S.A.

O nome Pérez Lafuente representa a continuidade dunha tradición familiar ligada á industria transformadora da pesca, sendo un referente deste sector.

O nome comercial Pan do Mar reflicte o traballo exclusivamente artesanal que diferencia aos seus produtos elaborados con peixes e mariscos procedentes da pesca artesanal, acompañados de ingredientes ecolóxicos e biodinámicos certificados e cun compromiso claro coa contorna nos seus envases e proceso de fabricación.

Especie do mes: ameixón

O ameixón (Callista chione) é un molusco bivalvo de gran tamaño que pode acadar os 10 cm de lonxitude, sendo 6 cm o seu tamaño mínimo de captura. As súas valvas son lisas, duras e brillantes, de cor pardo vermella ou rosada. A meirande parte das extraccións realízanse na zona de Muros.

O ameixón é unha especie pouco coñecida e consumida en Galicia pero moi apreciada noutras zonas. Se queres saber máis, preme aquí para ver unha ficha.

Mellora clasificación microbiolóxica

A mellora dos resultados obtidos nos controis realizados polo Intecmar permitiu que tres áreas produtivas das confrarías de Ferrol, Barallobre e Miño teñan unha mellor clasificación microbiolóxica. As zonas que pasaron de estar clasificadas como C a ser zona B son as enseadas de Cabana-A Malata, en Ferrol, e a parte interna do esteiro do río Mandeo. Por outra banda, a área que pasa de ser zona B/C estacional a B é a parte media do esteiro do río Mandeo.

Plan centola e boi

O 25 de xuño comezará a veda para a captura da centola (Maja brachydactyla) dende a desembocadura do Río Miño ata o Cabo de Estaca de Bares, que durará ata o 6 de novembro. Entre o Cabo de Estaca de Bares e o Río Eo dará comezo o 2 de xullo e rematará o 27 de novembro. Pola súa banda, a veda do boi (Cancer pagurus) será entre o 3 de setembro e o 6 de novembro para toda Galicia. Así se reflicte no Plan de xestión de ambas especies para o periodo 2022/23.

Selección de novas estratexias de desenvolvemento local participativo

Publicada a ORDE do 10 de maio de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria do ano 2022 para a selección de estratexias de desenvolvemento local participativo e grupos de acción local do sector pesqueiro, así como para a concesión da axuda preparatoria, no período de programación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura.

Convocatoria de PERMEX

Convocatoria de proceso selectivo para o acceso ao permiso de explotación, modalidade de percebe a pé, da confraría de pescadores de Ribadeo.

Convocatoria de proceso selectivo para o acceso ao permiso de explotación a pé, modalidade marisqueo xeral, para o exercicio da actividade extractiva na confraría de pescadores de Barallobre (Fene), na confraría de pescadores de Celeiro, na confraría de pescadores de O Vicedo e na confraría de pescadores de O Barqueiro.

Peixe e saúde

O 28 de Maio celebrouse o Día Nacional da Nutrición baixo o lema “Pesca Saúde. Hábitos para toda a vida”. Nesta XXI edición a Federación Española de Sociedades de Nutrición, Alimentación e Dietética (FESNAD) quixo poñer de manifesto a importancia do peixe e os produtos do mar como fontes de nutrientes indispensables dentro dunha dieta saudable, equilibrada e sostible. Na nosa Dieta Atlántica tradicional estes produtos desempeñan un lugar principal. Pica aquí para acceder a un artigo relacionado elaborado por Rosaura Leis, profesora de pediatría na USC.

.