Fin da campaña marisqueira en Noia

O pasado mércores 30 de marzo, rematou a campaña marisqueira na Ría de Noia, na que participaron arredor de 1500 persoas autorizadas para a extracción de berberecho, ameixa fina, ameixa babosa e ameixa xaponesa, entre mariscadores/as a pé e dende embarcación.  Os bivalvos comercializados na lonxa de Testal e o centro de primeira venda de O Freixo están certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Os nosos usuarios: Vieiras de Ferrol

Coincidindo coa apertura da campaña da vieira na ría de Ferrol, a empresa certificada Vieiras de Ferrol, S.L., reiniciou a súa actividade como centro autorizado para o eviscerado deste bivalvo. Vieiras de Ferrol, S.L. comercializa vieiras e zamburiñas evisceradas,  conxeladas ou en fresco, e co selo pescadeRías busca a posta en valor dos seus produtos.

Pesquería da xarda

A Secretaría Xeral de Pesca, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, ven de publicar tres resolucións polas que establecen disposicións adicionais da pesquería da xarda (Scomber scombrus) das zonas VIIIc e IXa, para os buques da frota doutras artes distintas ao arrastre e cerco do Cantábrico e Noroeste, con porto base nas provincias de Pontevedra, A Coruña e Lugo.

Accións formativas

O pasado 16 de marzo tivo lugar unha charla informativa a minoristas da praza de abastos de Ribeira sobre a marca de calidade pescadeRías, ¿de onde se non?.

A marca distingue a peixes e mariscos procedentes da pesca artesanal, sendo a Lonxa de Ribeira unha das máis importantes lonxas de baixura en Galicia en canto a volume de ventas.

Nos mercados de abastos podemos atopar unha ampla variedade de produtos frescos do día, amparados polo selo. Mira as etiquetas e busca o distintivo.

Novas adhesións

Fresco y del mar, a peixería online de Mariscos A Insua S.L., que ofrece peixe e marisco fresco galego procedente da pesca artesanal da Costa da Morte e da Ría de Muros e Noia, adheriuse o pasado mes ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?. Así mesmo, en Carril, contamos coa adhesión de Peixería Lucía, que tamén realiza unha ruta de reparto como peixería ambulante pola contorna.

Por outra banda, en Cedeira, no Restaurante Vilavella, tamén adherido en marzo, podemos degustar peixes e mariscos de tempada da lonxa desta localidade.

Certificacións e ampliacións

En marzo acadaron a certificación as seguintes empresas: Fish Factory, S.L., distribuidor de conservas de peixe e bivalvos, José Javier Lago Figueiras, distribuidor de peixe, cefalópodos e crustáceos, Mariscos A Ínsua, S.L., distribuidora de bivalvos, crustáceos, cefalópodos, peixe e equinodermos e a depuradora e cetária Murosmar, S.L.U. (bivalvos e crustáceos). HQ Seaweed ampliou a súa certificación á transformación de algas, Conservas Portomar (bivalvos e equinodermos) ampliou o seu alcance á transformación de peixe e a Lonxa de Muros (bivalvos, cefalópodos, crustáceos e peixe) ampliouno a equinodermos.

Cursos de mariñeiro/a pescador/a

A Consellería do Mar convoca tres cursos de mariñeiro/a pescador/a na modalidade online que terán lugar entre o 18 de maio e o 25 de xuño de 2021 cunha duración de 50 horas. As accións formativas serán impartidas pola Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira e o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo, correspondendo 60 prazas a cada unha delas. O período de inscrición remata o vindeiro 16 de abril ás 15:00 horas. Podes consultar máis información premendo aquí.

Dieta atlántica: ecoetiquetas

A dieta atlántica, na cal peixes e mariscos son unha parte importante e característica, é moi respectuosa co medio ambiente, axudando a cumprir os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel definidos pola ONU, e sendo unha das que presentan unha menor pegada de carbono e hídrica.

Premendo aquí atoparás un artigo do catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Gumersindo Feijoó sobre a dieta atlántica como hábito de vida saudable e sustentable e a importancia das ecoetiquetas.

A receita do mes

En O Camiño do Inglés, ubicado no barrio de Ferrol Vello, a escasos metros do porto,  o chef Daniel López aposta  polos produtos de proximidade, con ampla presenza de peixes e mariscos na súa carta, sempre adaptada ás mellores materias primas de tempada.

Conforme a esta filosofía, non podían faltar estes días no seu restaurante as vieiras da Ría de Ferrol, que prepara mariñadas en café e soia con emulsión cítrica e acompañadas de agróns.  Preme aquí para ver a súa receita.

Acto de entrega de certificados da marca pescaenverde

O 26 de marzo, a Lonxa de Ribeira foi o escenario da entrega dos certificados da marca de garantía pescaenverde ás lonxas certificadas pola marca pescadeRías, ¿de onde se non?, no marco da alianza entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Consellería do Mar. Recibiron o recoñecemento as confrarías de pescadores de Cabo de Cruz, Cedeira, Ferrol, Pobra do Caramiñal, Vilaxoan e a Lonxa de Ribeira S.L. Con estas seis entidades, son 39 as lonxas e centros de primeira venta que usan as marcas pescadeRías e pescaenverde nas súas etiquetas.

A marca pescaenverde, creada polo Grupo de Investigación de Biotecnoloxía Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela, aporta información ao consumidor sobre o impacto que os produtos pesqueiros teñen sobre o medioambiente, a través de dous indicadores: a pegada de carbono e a taxa de retorno enerxética-TRE.

O acto foi presidido pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz e a tenente de alcalde do concello de Ribeira, María Sampedro.