Accións formativas

No mes de maio, tripulantes das embarcacións que traballan ao choco da Confraría de Vilaboa recibiron formación en Hixiene e Manipulación de alimentos. Tamén recibiu formación nestas materias o persoal de lonxa e de mantemento do Porto de Celeiro. Acreditar que o personal responsable da manipulación estea formado é requisito indispensable para todas as entidades certificadas ou en proceso de certificación polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Novos plans de xestión

A primeiros do pasado mes, publicáronse as resolucións polas que se aproban novos plan de xestión de marisqueo de nova incorporación para a conservación e explotación de recursos específicos presentados polas confrarías de pescadores de Corme (algas con técnicas de mergullo), Lira (anémones na modalidade a pé), Corcubión (anémones na modalidade a pé) e Malpica (ourizo na modalidade a pé).

Percebeiros das Cíes na TVE

O Programa España Directo da TVE estivo a gravar aos percebeiros da Confraría de Pescadores de Cangas traballando na cara máis escarpada das Illas Cíes. Podes ver a reportaxe premendo aquí, as imaxes son certamente impresionantes!

O percebe colleitado nas Illas Cíes é comercializado na Lonxa de Cangas e está certificado polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Participación en feiras 2021

A Consellería do Mar da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, e dentro das súas actuacións de promoción do sector pesqueiro, prepara a programación para asistir a diferentes feiras de ámbito internacional e nacional durante o ano 2021. Se tes interese en participar, podes atopar toda a información premendo aquí.

Nova peixería adherida

Da Lonxa ao Prato abriu as portas dun novo local na Praza de Abastos de Monforte de Lemos (Lugo) adherida recentemente ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, o mesmo que a súa peixería en A Pobra do Caramiñal.

Nos seus establecementos, pon a disposición da súa clientela, peixes e mariscos da pesca artesanal, procedentes de lonxas galegas.

Recertificacións e seguementos

Durante o mes de maio, a depuradora Mariscos Malliño, S.L., renovou a súa certificación (bivalvos) no selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Por outra banda, a Lonxa de Marisco de Vigo (bivalvos), a Lonxa de Sada (peixe e cefalópodos) e a depuradora Mariscos Camino, S.L. (bivalvos), superaron auditorías de seguemento da marca.

Convocatoria de PERMEX

Convocados procesos selectivos para o acceso ao permiso de explotación, modalidade anémones a pé, para o exercicio da actividade extractiva nas Confrarías de Pescadores de Corcubión e Lira.

Podes atopar a información relacionada con ambas convocatorias na sección de anuncios do portal da Consellería do Mar. Accede premendo aquí.

Proxecto COCKLES

En 2017 iníciase o proxecto europeo “COCKLES-Cooperación para a recuperación das pesqueiras do berberecho e os seus servizos ambientais na área Atlántica” co obxectivo de recuperar os  stocks naturais e aumentar a súa produción. Foi co-financiado polo programa Interreg Atlantic Area, e o CETMAR coordinou o traballo desenvolvido polas 22 organizacións do consorcio. Premendo aquí atoparás un artigo no que se explica o proxecto así como os seus principais resultados.

A receita do mes

Chega a calor e con ela as comidas ao aire libre nas que unha empanada sempre é un valioso recurso.

Rogelio Santos, mariñeiro da Confraría de Pescadores de Porto do Son, amósanos como preparala de millo e peixe (doncelas, choupa e pescada) conforme a receita da súa nai Carmen Queiruga Calo. Mil grazas por compartila!

Preme aquí para acceder a ela.

Sorteo de verán

Queremos celebrar a chegada do verán sorteando entre os/as nosos/as seguidores/as de facebook un vale por valor de 100 € para xantar ou cear nun restaurante adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Para participar, entra na publicación do sorteo que aparecerá na nosa páxina de facebook, preme gústame e comenta cal é o teu produto do mar favorito. O sorteo terá lugar o vindeiro 21 xuño, preme aquí para ver as bases. Anímate a participar! Se queres coñecer cales son os nosos restaurantes adheridos preme aquí.