Guía elaboración plans de xestión

A Consellería do Mar pon a disposición das confrarías de pescadores e entidades do sector marisqueiro,  unha guía para facilitar o seu labor na redacción e avaliación dos plans de xestión, tanto xerais como de recursos específicos. A súa elaboración responde aos cambios introducidos polo Decreto polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas no que se refire á confección dos plans de xestión así como ao establecemento de obxectivos biolóxicos, ecolóxicos e socioeconómicos a tres anos. É unha ferramenta para a mellora da implementación dos obxectivos no marco dos plans de xestión e está acompañada dun plan de formación personalizado e de carácter práctico.

Soles Repsol 2021

O pasado mes tivo lugar a gala de entrega de Soles Repsol 2021, recoñecemento concedido aos mellores restaurantes e cociñeiros/as como símbolo de excelencia culinaria.

Destes, 11 están adheridos ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?: con dous soles os restaurantes A Tafona, EspañaMaruja LimónPepe VieiraRetiro da Costiña e As Garzas, que acadou o seu segundo sol nesta edición. Con un sol o restaurante A Gabeira e 4 novas incorporacións, os restaurantes Auga e Sal, O Balado, O Camiño do InglésMiguel González.

Parabéns a todos!

Especies certificables: algas

As algas ou verduras do mar son fonte importante de nutrientes, vitaminas e proteínas que aportan grandes beneficios para a saúde consumidas en pequenas cantidades. Ademais, na cociña son moi versátiles, debido a súa textura e sabor.

Se aínda non as probaches, este mes facémosche dúas recomendacións: A correa ou espaguete de mar (Himanthalia elongata) sorprende polo seu sabor sutilmente mariño cun toque fresco e a súa textura carnosa e crocante. Por outra banda, a textura suave, carnosa e crocante, apta para facer en tempura do ramallo de mar ou alga percebe (Codium spp.), así como o seu intenso sabor, que recorda ao percebe, será todo un descubrimento.

Axudas á contratación

A Fundación Biodiversidad convoca axudas dirixidas a persoas físicas ou xurídicas con ou sen ánimo de lucro que actúen como empregadoras, que realizaran contratos a tempo completo por un período mínimo de 6 meses, antes do 31 de marzo de 2021, vinculados á economía verde ou azul ou que contribúan a unha liña de negocio sostible ou á xestión dunha mellora ambiental na entidade.

O prazo de presentación remata o 30 de setembro. Para máis información preme aquí.

Actividades formativas

No mes de abril, persoal da Confraría de Pescadores de Lira recibiu formación en Hixiene e Manipulación de alimentos. Acreditar formación nestas materias é requisito indispensable para todas as entidades certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

A Confraría de Lira conta cunha instalación para a conxelación dos produtos da pesca polo que todos os/as manipuladores/as que traballan na área transformadora deben ter vixente a formación nesta materia segundo marca o plan de formación da confraría.

Convocatoria de PERMEX

Convocados procesos selectivos para a obtención de PERMEX de marisqueo a pé nas confrarías de Pontevedra, Espasante, O Barqueiro, Celeiro, Cabo de Cruz e na Agrupación de Mariscadoras de San Cosme de Barreiros; para o recurso específico anemones na Confraría de A Coruña e para o recurso específico algas na Confraría de Vigo.

Podes atopar toda a información sobre as diferentes convocatorias na sección de anuncios do portal da Consellería do Mar. Accede premendo aquí.

Nova peixería adherida

En abril, a peixería Pescados y Mariscos Barrena, en Ponteceso (A Coruña), adheriuse ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?. Os produtos que ofrecen no seu establecemento, aberto polas mañás de martes a sábado, proceden principalmente da cercana lonxa de Malpica. Tamén realizan envíos a domicilio a toda a península.

Podes consultar o listado completo de establecementos adheridos ao noso selo entrando na nosa web.

Novo restaurante adherido

No Restaurante San Francisco, na vila mariñeira de Malpica de Bergantiños, en plena Costa da Morte, podemos degustar os mellores mariscos e peixes preparados conforme receitas tradicionais.

Na súa aposta polos produtos de proximidade e tempada, mercan as materias primas na lonxa desta localidade, certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, que garante a súa procedencia da pesca artesanal, calidade e frescura.

Certificacións e seguementos

En abril, a depuradora e empresa de distribución Mariscos Islas Cíes, certificouse para bivalvos, crustáceos, peixe, cefalópodos, gasterópodos, equinodermos e antozoos e a depuradora Da Lonxa ao Prato para Bivalvos. A Confraría de Lira, ampliou o seu alcance de certificación a peixes e a conxelado de peixes e bivalvos e a Confraría de Redondela ampliouno para a distribución de bivalvos e cefalópodos. Frigoríficos Rosa de los Vientos, S.L. renovou a súa certificación e Pulpo de Camariñas, S.L. realizou unha auditoría de seguemento.

Premios Galicia Alimentación

O Clúster Alimentario de Galicia convoca a sétima edición dos Premios Galicia Alimentación co obxectivo de recoñecer e visibilizar as mellores prácticas en emprendemento, dixitalización, innovación, sustentabilidade, mercadotecnia e internacionalización do sector, a través de tres categorías: produto innovador, proxecto empresarial ou institucional e estratexia de mercado.

A presentación das candidaturas está aberta ata o 1 de xuño. Máis información premendo aquí.