Campaña do choco en Redondela

O pasado 30 de xaneiro, a Confraría de Pescadores «San Xoán» de Redondela, certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, comezou a campaña de extracción de choco con trasmallos na Enseada de San Simón.

Esta especie pode ser adquirida na venda directa que realiza a entidade de luns a venres de 17h a 18h na lonxa de Cesantes. Premendo aquí podes ver un vídeo sobre a súa captura.

Plan de xestión da sardiña con arte de xeito

Publicada a RESOLUCIÓN do 2 de xaneiro de 2023 pola que se aproba o plan de xestión da sardiña con arte de xeito para o ano 2023, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para o primeiro trimestre deste ano establécese un tope máximo total de 20 toneladas e unha cota de 50 kg por tripulante a bordo e día, ao cal se lle sumarán 50 kg/barco/día.

Convocatoria de PERMEX

Convocado proceso selectivo para o acceso ao permiso de explotación, modalidade percebe a pé, para o exercicio da actividade extractiva na confraría de pescadores de Muxía e na confraría de pescadores de Fisterra.

Convocado proceso selectivo para o acceso ao permiso de explotación, modalidade de marisqueo a pé, para o exercicio da actividade extractiva na agrupación de mariscadoras «Río Anllóns» e confraría de pescadores de Miño.

Rexeneración de bancos marisqueiros

ORDE do 29 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2023 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan a unha mellora da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños.

Prazo: 27 de febreiro.

Conservación da biodiversidade

ORDE do 21 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2023 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras.

Prazo: 20 de febreiro.

Axudas á innovación no sector pesqueiro

ORDE do 21 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a innovación no sector pesqueiro, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convocan para o ano 2023, tramitado como expediente anticipado de gasto.

Prazo: 17 de febreiro.

Axudas para investimentos que fomenten a pesca sustentable en buques pesqueiros

ORDE do 19 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases e se regulan os procedementos para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos que fomenten a pesca sustentable para propietarios de buques pesqueiros cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e se convocan para o ano 2023, tramitados como expedientes anticipados de gasto.

Prazo: 13 de febreiro.

Modernización de infraestruturas

ORDE do 22 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2023, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para proxectos colectivos de modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros, das lonxas ou establecementos autorizados para a primeira venda de produtos pesqueiros e dos lugares de desembarque, para a mellora da eficiencia enerxética, da protección do ambiente, da seguridade e as condicións de traballo, e da calidade e do control e rastrexabilidade dos produtos desembarcados da pesca. Prazo: 13 de febreiro.

Axudas a proxectos colectivos para a recollida de residuos mariños

ORDE do 1 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2023 de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades pesqueiras sustentables mediante a recollida de residuos mariños, tramitada como anticipado de gasto.

Prazo: 10 de febreiro.

Amárrate a Galicia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presentou na feira internacional de turismo de Madrid, Fitur 2023 a nova campaña de promoción do sistema náutico galego que ten como lema Amárrate a Galicia.

Esta iniciativa busca difundir e por en valor os portos deportivos galegos como porta de entrada dos navegantes ao conxunto do territorio galego, establecendo sinerxías entre o sistema portuario e os axentes turísticos de toda a comunidade.