Da lonxa á mesa: iniciativas de venda directa a cliente final

Confrarías de Galicia impulsan iniciativas para achegar peixes e mariscos da pesca artesanal directamente ás persoas consumidoras.

A venda directa nas lonxas está a consolidarse en Galicia como unha fórmula para achegar os produtos da pesca artesanal á cidadanía. Este modelo permite que peixe e marisco cheguen a clientes finais nun tempo mínimo desde a súa captura, garantindo unha frescura excepcional e unha trazabilidade clara sobre a súa orixe.

Cómpre sinalar que, na maioría dos casos, esta modalidade de comercialización funciona como unha canle complementaria á venda habitual nas lonxas e aos circuítos profesionais de distribución, incluído o canal HORECA, que continúan sendo fundamentais para o sector. Con todo, a venda directa permite reforzar o contacto co consumidor/a final, diversificar as vías de comercialización e poñer en valor o produto fresco procedente da pesca artesanal galega.

Entre as entidades certificadas pola marca pescadeRías de onde se non? que están a desenvolver este tipo de iniciativas atópanse a Confraría de Redondela, a Confraría de Baiona, a Confraría de Arcade e a Confraría de Cangas, que ofrecen choco, polbo ou peixe fresco procedente da súa frota artesanal directamente ao consumidor/a.

Outras confrarías tamén apostan por este modelo. A Confraría de Barallobre comercializa moluscos vivos depurados nas súas propias instalacións, ao igual que faia Confraría de Noia durante a campaña de extracción.

A estas iniciativas súmanse a Cofradía de Pescadores de Vigo, coa venda directa na lonxa de Canido, e a lonxa de Sada, que permiten adquirir peixe e marisco poucas horas despois da súa descarga. Ademais, a Cooperativa Ría de Arousa comercializa produtos do mar directamente ao consumidor/a e realiza envíos a toda España. Finalmente, a Confraría de Pescadores de Ferrol conta cunha peixería propia certificada pola marca pescadeRías de onde se non?, ampliando así as canles de acceso do consumidor ao produto fresco procedente da pesca artesanal galega.

En conxunto, estas iniciativas contribúen a fortalecer o vínculo entre o sector pesqueiro e a sociedade, promovendo un consumo máis consciente, baseado na proximidade, na frescura e no coñecemento da orixe dos produtos do mar.