pescadeRías de onde se non?, na Xornada Territorio e Alimentación

O 6 de febreiro celebrarase a Xornada Territorio e Alimentación: construíndo identidade e valor compartido, organizada polo Clúster Alimentario de Galicia e a Fundación Juana de Vega.

No marco da Mesa 1, Indicacións de calidade e marcas territoriais: claves de éxito, intervirá Ramón Fernández Conchas, xefe de servizo de Mercados da Pesca da Consellería do Mar, quen falará da marca pescadeRías de onde se non? como exemplo de ferramenta para poñer en valor a orixe, a calidade diferenciada e o traballo da pesca artesanal galega. A sesión abordará o papel das indicacións de calidade e das marcas territoriais na construción de identidade e na xeración de valor compartido ao longo da cadea alimentaria.

Podes ver o programa completo da xornada aquí.

Xornada de portas abertas en Artesa Rías Baixas S.L.

Ángel González e Mar Ambroa abriron as portas das súas instalacións para amosar de primeira man o coidado e profesionalidade que hai detrás actividade de Artesa Rías Baixas, S.L. Durante a visita, clientes e amizades tiveron a oportunidade de descubrir a excelencia dos produtos do mar galego que comercializan, como o polbo e as volandeiras.

Artesa Rías Baixas é distribuidor certificado pola marca pescadeRías de onde se non? para bivalvos, cefalópodos, peixes, crustáceos e equinodermos.