Do 11 ao 19 de setembro celebrouse a 13 edición do Festival Intenacional de Curtametraxes de Bueu – FICBUEU. Directores/as, críticos/as, xurado e profesionais da industria de cine nacionais coñeceron e degustaron produtos certificados como a navalla, o polbo, as xoubas e o sargo, nun showcooking levado a cabo en Casa Quintela de Bueu o 12 de setembro.
Mercado do Mar
A sétima edición do Festival Mar de Mares celebrou o seu primeiro Mercado do Mar en liña do 24 ao 27 de setembro, coa colaboración da Consellería do Mar. Amosáronse os produtos e servizos de 12 iniciativas, entre as que se atopan, o selo pescadeRías, ¿de onde se non? e as empresas certificadas Conservas Currimar, Porto-Muiños e Pulponor Sociedade Cooperativa Galega.
Produtos pescadeRías no Foro La Toja
Os produtos certificados da marca pescadeRías, ¿de onde se non? estiveron presentes na segunda edición do encontro de diálogo, debate e reflexión Foro La Toja Vínculo Atlántico.
O evento celebrouse entre o 1 e o 3 de outubro nas instalacións do Eurostars Gran Hotel La Toja.
Apertura do ourizo
O 1 de outubro comezou a campaña de extracción de ourizo na provincia de Pontevedra. As lonxas das Confrarías de A Guarda, Baiona, Bueu, Aldán-Hío, Vigo, Portonovo e Cangas comercialízanno certificado polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.
Nas provincias de A Coruña e Lugo a apertura será entre os meses de novembro e xaneiro.
En 2019, no conxunto das lonxas galegas, comercializáronse preto de 700.000 quilos deste equinodermo por un valor próximo aos 6 millóns de euros.
Inicio de campaña en Noia
O pasado 14 de setembro, máis de 1500 persoas, entre mariscadores/as a pé e desde embarcación, comezaron a campaña marisqueira en Noia 2020. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo e a conselleira do Mar, Rosa Quintana Carballo, acompañaron aos/ás mariscadores/as o primeiro día da actividade. Durante a primeira semana de extracción, comercializáronse na lonxa de Testal e no centro de primeira venda de O Freixo, máis de 102.000 kg de berberecho, alcanzando un prezo de 20,20 €/kg.
Premendo aquí podes ver algunhas fotos publicadas en La Voz de Galicia.
Marisco de A Illa, tradición saudable
A Organización de produtores de Marisco e Cultivos Mariños OPP20, entidade certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, está levando a cabo a campaña “Marisco de A Illa, unha tradición saudable”.
A finalidade da campaña é promover o consumo e amosar as bondades dos seus produtos, en colaboración co sector da restauración.
Nesta primeira etapa céntranse en tres dos produtos máis característicos ameixa rubia, ameixa babosa e camarón.
Bye, bye plástico
A Xunta de Galicia está levando a cabo a campaña “Bye, bye plástico” co obxectivo de concienciar á sociedade na loita contra os residuos plásticos no mar. Baixo o lema “Bye, bye plástico. Non é por ti, é por nós” e protagonizada por nenos e nenas, a campaña busca fomentar a participación da poboación e transmitir consellos prácticos arredor da importancia de reducir, reutilizar e reciclar os plásticos.
Nos últimos 10 anos produciuse en todo o mundo máis plástico que en toda a historia da humanidade e nove millóns de toneladas de residuos plásticos, dos que un 80% proceden de terra, acaban cada ano nos océanos do planeta. Preme aquí para ver o vídeo.
Recursos específicos
Pesquería da pescada
Publicada a Resolución de 3 de septembro de 2020, da Secretaría General de Pesca, pola que se modifica a de 10 de marzo de 2020, pola que se establecen disposicións adicionais de ordenación da pesquería da pescada (Merluccius merluccius) da zonas VIIIc e IXa para os buques da frota de artes menores do Cantábrico e Noroeste, así como unha Corrección de erros da mesma.
A resolución establece un tope máximo de capturas de pescada (Merluccius merluccius) de 15.000 kilogramos por barco e ano, de xeito que ese será o límite máximo de capturas que cada barco poderá acumular ao longo do ano.
EXPORPYMES
A Cámara de Comercio de A Coruña organiza de forma virtual, a VII edición do evento empresarial EXPORPYMES durante os días 27 e 28 de outubro. Están previstas a realización de reunións B2B en liña con empresarios internacionais que amosen interese nos produtos das empresas galegas inscritas.
Toda a información xunto coa ficha de inscrición está na web www.exporpymes2020.com.