Formación en Hixiene Alimentaria

O 3 de xullo realizou formación en Hixiene Alimentaria e Manipulación de Alimentos o persoal que realiza a primeira venda na lonxa de Ribeira. Esta formación é imprescindible para traballar con produtos do mar e require dunha actualización de coñecementos periódica.

A lonxa de Ribeira S.L. está certificada para os seguintes grupos biolóxicos: Peixes, Bivalvos, Cefalópodos, Crustáceos, Equinodermos e Gasterópodos.

Certificacións e renovacións

Damos a benvida á empresa Costas y Miñán S.L. de Cambados, especializada na elaboración de conservas e patés de pescado e marisco desde 1966. A empresa superou a auditoría inicial de certificación na marca pescadeRías, ¿de onde se non? para moluscos bivalvos e cefalópodos, que se comercializarán coas marcas comerciais Mariscadora e Mariscadora Selecta.

No mes de xullo renovaron a certificación para o grupo biolóxico de Moluscos Bivalvos a lonxa da Confraría de Pescadores Virgen del Rosario de Vilaxoán e a lonxa de mariscos do Porto Pesqueiro de Vigo xestionada pola Autoridade Portuaria de Vigo.

Cursos Mariñeiro Pescador

A Consellería do Mar convoca  tres cursos de mariñeiro pescador, na modalidade en liña, nas Escolas Oficiais Náutico-Pesqueira de Ferrol e Ribeira, e no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo. O período lectivo é do 13 de setembro ao 13 de outubro de 2023. A preinscrición pódese realizar ata o 21 de agosto.

Consulta as bases segundo o centro:

Ferrol aquí

Ribeira aquí

Vigo aquí

Veda do choco

Publicadas as resolucións da Consellería do Mar polo que se establecen os períodos de veda para a pesca do choco (Sepia officinalis) nas Rías de Vigo, Pontevedra e Arousa.

Nas Rías de Vigo e Pontevedra a veda queda comprendida entre o 17 de xullo de 2023 e o 31 de outubro de 2023, ambos inclusive. Na Ría de Arousa, do 31 de xullo ao 31 de outubro de 2023, ambos inclusive.

Resolución Ría de Vigo aquí

Resolución Ría de Pontevedra aquí

Resolución Ría de Arousa aquí

Artigo: Cornicha na Enseada de Baiona

Este mes divulgamos un artigo sobre a cornicha (Spisula solida), elaborado polas asistencias técnicas das confrarías de pescadores e da asociación de marisqueo a flote da Ría de Vigo.

A cornicha é unha especie comercial que se extrae coa modalidade de marisqueo dende embarcación. O artigo proporciona información interesante sobre as poboacións de cornicha na Enseada de Baiona e a súa xestión. Podes ler aquí o artigo.

A receita do mes

O carneiro (Venus verrucosa) é un molusco bivalvo de forma case circular,  coas valvas grosas moi marcadas e de cor en xeral parda. Captúrase con artes de marisqueo desde embarcación.

Na 36ª Edición do Salón Gourmets de Madrid, Fran Loira, chef de O Percebeiro, S.L., elaborou esta receita durante unha das degustacións que tiveron lugar na sala de catas da Consellería do Mar: carneiro con salsa bilbaína emulsionada, puré de tupinambo e aceite de pirixel

Preme aquí para acceder a ela.