Especie do mes: nécora

A nécora (Necora puber) é un dos crustáceos máis valorados da nosa gastronomía e captúrase de xeito artesanal con nasas ou coa arte do bou de vara. A súa extracción regúlase mediante un plan experimental de xestión no que tamén se establecen os períodos de veda.

Ademais de ser un manxar, consumida simplemente cocida ten importantes valores nutricionais, que podes descubrir premendo aquí para consultar unha ficha sobre esta especie.

Empresa do mes: Conservas Portomar, S.L.U.

En Conservas Portomar, S.L.U. (Vilagarcía de Arousa) son especialistas na selección das mellores materias primas do mar, que cociñan con ingredientes 100% naturais e envasan de xeito artesanal, baixo os máis esixentes estándares internacionais de calidade.

Baixo as marcas El Pescador de Arosa e Portomar comercializan produtos certificados polo selo pescadeRías.

Guía Michelín 2023

O restaurante Serpe de Pepe Vieira (Poio – Pontevedra), adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, acadou a súa segunda Estrella Michelín durante a gala celebrada o pasado 22 de novembro.

A Guía Michelín España & Portugal 2023 distingue a Galicia con 16 Estrellas Michelín, 3 Estrellas Verdes e 26 restaurantes na categoría de Bib Gourmand. Parabéns a todos/as os/as galardoados/as.

III Premios Economía Azul

O pasado 1 de decembro tivo lugar a entrega dos III Premios Economía Azul. Os proxectos galardoados nas 4 diferentes categorías foron o acondicionamento da lonxa de Portonovo para a mellora do uso turístico, a produción de algas por parte da empresa H. Q. Seaweed, a Aula do Mar creada pola Asociación de Saúde Mental da Mariña e o Centro de Transformación do Lixo Mariño, promovido pola Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro Seo de Fisterra e Ría de Muros-Noia.

Campaña da vieira en Cambados

O 22 de novembro comezou a campaña da vieira en Cambados. As capturas son descargadas na lonxa da Confraría de Pescadores San Antonio de Cambados e a empresa Porto de Cambados, S.L. pon no mercado esta vieira eviscerada con todas as garantías de seguridade alimentaria e calidade. Ambas entidades están certificadas polo selo pescadeRías.

Inicio da campaña da ostra en Noia

O 21 de novembro comezou a campaña extractiva da ostra (Ostrea edulis) na Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia con 35 embarcacións autorizadas e topes de captura de 350 unidades por tripulante enrolado a bordo e día. A arte de pesca empregada polas embarcacións é o rastro de vieira e volandeira adaptado para a captura de ostra.