San Sebastián Gastronómika 2024

A Consellería do Mar acudirá a San Sebastián Gastronómika, que se celebrará do 7 ao 9 de outubro. Ademais da sala de cata e actividades de promoción, o stand institucional contará cun espazo de exhibición para seis empresas coexpositoras, das que cinco son entidades certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?: Conservas La Brújula S.L., Fish Factory S.L., HQ Seaweed S.L., Mariscos de Barallobre e O Percebeiro S.L.

Como novidade, este ano organizaránse actividades para os congresistas en sociedades gastronómicas, e taberneiros de fóra do País Vasco levarán os seus produtos e cociña a barras de taberna e bares donostiarras.

Entidade do mes: Confraría de Fisterra

A Confraría de Pescadores de Fisterra é unha das máis antigas de España, con 101 anos desde a súa fundación e 106 persoas socias na actualidade. A súa flota está composta por embarcacións de baixura que se dedican á pesca con artes menores e palangre de fondo. Perto de 50 persoas socias dedícanse á extracción de recursos específicos a mergullo.

Os grupos biolóxicos principais capturados pola súa flota de baixura son peixes (65% en volume total e 54% do valor de facturación no ano 2023) e cefalópodos (15% en volumen e 19% en valor económico). Contan coa certificación pescadeRías de onde se non? para peixes, bivalvos, crustáceos, cefalópodos, equinodermos e algas.

Formación a axentes certificados

Seguimos formando en materia de Análise de Perigos e Puntos de Control Críticos -APPCC ao persoal das entidades certificadas. En setembro tivemos sesión formativa con Enrique Freire, asistencia técnica da Confraría de Pescadores de Barallobre.

A formación de todo o persoal implicado na cadea mar-industria é fundamental para que a trazabilidade dos produtos do mar sexa efectiva. O equipo de xestión da marca imparte formación ao persoal dos axentes certificados para que poidan manter a trazabilidade dos produtos do mar que comercializan e cumprir cos requirimentos de xestión da marca pescadeRías de onde se non?

Consúltanos!

Entidades certificadas

No mes de setembro a empresa de transformación Real Conservera Española S.L. recertificouse para peixes, bivalvos e equinodermos. Ademais, leváronse a cabo as auditorías de seguimento de ABSA Burela S. A., co alcance de cefalópodos,  e da Confraría de Pescadores de Pontedeume para bivalvos.

As auditorías de seguimento teñen lugar durante o período de vixencia do certificado, co fin de comprobar o correcto funcionamento do sistema de trazabilidade e xestión da marca por parte da entidade. As auditorías de recertificación lévanse a cabo para renovar a vixencia do certificado, que caduca aos cinco anos.

Novo restaurante adherido: Alberte

Damos a benvida ao restaurante Alberte, que acaba de adherirse á marca. Da man de Alberte Gutiérrez, este restaurante ubicado en Vigo é unha homenaxe aos sabores do mar galego, cunha especial énfase nas delicias procedentes das lonxas de Aldán e A Guarda, aínda que non son as únicas que visitan para seleccionar os produtos máis frescos e de tempada.

A brasa xoga un papel fundamental na súa cociña, realzando os sabores naturais dos peixes e mariscos.

Este ano recibiron unha mención na Guía Michelin, que podes consultar aquí.

A especie do mes: pancho bicudo

O pancho bicudo (Pagellus acarne) é un peixe emparentado co ollomol (Pagellus bogaraveo) e a breca (Pagellus erythrinus), todos eles pertencentes ao xénero Pagellus.

Ten un corpo alongado e algo comprimido, co dorso de cor rosada, e o ventre prateado, cunha pinta negra na base das aletas do peito. A parte interna da boca é de cor laranxa intensa. O perfil superior da cabeza está deprimido á altura dos ollos, que son dun tamaño medio.

Para ampliar a información sobre esta especie, preme aquí.

Aperturas e peches

O 1 de outubro comezou a campaña do ourizo (Paracentrotus lividus), santiaguiño (Scyllarus arctus) e peneira (Haliotis tuberculata).

A extracción de ourizo comezou nas confrarías da provincia de Pontevedra que teñen plan de explotación para este recurso, mentres que as confrarías das provincias de A Coruña e Lugo empezarán en novembro e decembro. O santiaguiño poderá capturarse ata o 5 de xaneiro. Comezou tamén a campaña nos bancos de libre marisqueo de Arousa e está previsto que o 14 de outubro arranque na Ría de Muros e Noia.

Por outra banda, o 30 de setembro pechou a campaña da lagosta (Palinurus elephas) e o 31 de outubro está previsto o peche da campaña de pesca con boliche.

As mareas equinocciais de setembro

O pasado mes de setembro tivemos unhas mareas vivas excepcionais. Coincidindo co cambio de estación, a posición en liña do sistema Sol-Terra-Lúa provocou grandes amplitudes de marea.

Entre o 17 e o 21 de setembro houbo secas excepcionais, nas que se descubriron zonas que normalmente non están accesibles para o marisqueo a pé, e tamén preamares nas que o nivel de auga puxo a liña de flotación dos barcos a nivel do peirao nalgunhas vilas costeiras.

Por que se producen as mareas? Por que as baixamares e as preamares non son todas iguais? Por que teñen unha periodicidade concreta?

Contámoscho aquí.

A receita do mes

Este mes a receita da nosa sección é unha elaboración mar e montaña apta para persoas vexetarianas. Si, vexetariana e con produtos do mar, porque un dos ingredientes protagonistas, que lle imprime o carácter mariño, é a alga wakame (Undaria pinnatifida).

Esta elaboración foi unha das favoritas do público asistente ao Obradoiro de cociña con Algas e Mariscos organizado pola OPP20 Illa de Arousa. O Obradoiro foi impartido por Mariví Otero, cociñeira do Chiringuito Coco Bao da Illa de Arousa, quen nos proporcionou esta receita de pani puris recheos de bechamel de alga wakame e cogomelos portobello.

Podes ver a receita completa aquí.

pescadeRías de onde se non? participará na campaña Galicia sabe Amar nas prazas de abastos

A partir do 16 de outubro volven as accións promocionais da marca pescadeRías de onde se non? ás prazas de abastos, no marco da campaña Galicia sabe Amar.

Os obxectivos das actividades son os seguintes:

  • Dar a coñecer os produtos da pesca artesanal entre as persoas consumidoras.
  • Fomentar o consumo dos produtos da pesca artesanal.
  • Poñer en valor os beneficios dos produtos do mar na saúde.
  • Dar a coñecer especies menos coñecidas, co fin de diversificar o consumo de produtos do mar.
  • Amosar o proceso de comercialización dos produtos do mar.
  • Visibilizar a importancia da trazabilidade nos produtos do mar.
  • Coñecer diferentes preparacións dos produtos do mar de tempada.
  • Poñer en valor os oficios do mar.

As actividades inclúen:

  • Visita guiada á praza de abastos.
  • Información sobre etiquetado, trazabilidade e seguridade alimentaria.
  • Obradoiro práctico de identificación de especies ou tallas mínimas.
  • Demostración de cociña con información sobre aspectos nutricionais, corte e fileteado, puntos de cocción e consellos de elaboración.
  • Cata de produtos.

Contarase coa experiencia e visión dos profesionais do comercio minorista que informarán sobre as especies que comercializan e a limpeza, manipulación e presentación dos produtos.

Comezamos o 16 de outubro na Praza de Abastos de A Estrada. Consulta aquí o programa de actividades e inscríbete!

pescadeRiasdeondesenon.cmrm@xunta.gal

 Tel. 986 02 08 99

Segue as nosas redes sociais para coñecer as vindeiras datas e lugares das actividades.