Desde o pasado 28 de xullo está dispoñible o Bono Peixe, unha iniciativa da Xunta de Galicia deseñada para fomentar o consumo de peixe e marisco fresco entre a cidadanía. Trátase dun programa de dinamización comercial que ofrece un bono de ata 50 euros por persoa, destinado a persoas físicas maiores de idade e residentes en Galicia.
Os bonos descárganse en formato dixital a través da web www.bonopeixe.gal, e permiten un desconto do 25 % por compra, cun máximo de 5 euros semanais. O importe non consumido poderá acumularse ata un máximo de 25 euros, cun prazo de uso de dez semanas ou ata esgotar o crédito dispoñible.
Máis de 700 establecementos adheríronse xa á campaña, incluíndo tanto peixerías tradicionais como cadeas de supermercados. O prazo de adhesión permanecerá aberto durante toda a vixencia do programa, que finalizará en outubro. Poderán inscribirse todos aqueles comercios con actividade en Galicia, incluíndo autónomos e empresas, dados de alta nos epígrafes do IAE recollidos na convocatoria e inscritos no Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (REGASA).
Máis información en bonopeixe.gal.