Cunchas de vieira para a construción de arrecifes artificiais sostibles

Un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña vén de publicar un estudo pioneiro que conecta a alta gastronomía coa restauración dos ecosistemas mariños.

A investigación analiza a reutilización de cunchas de pectínidos procedentes de restaurantes con estrela Michelin como material sostible para a construción de arrecifes artificiais. O traballo, publicado na revista International Journal of Gastronomy and Food Science, demostra que estes refugallos poden substituír parte dos áridos tradicionais en ecoformigóns sen perder resistencia, contribuíndo á economía circular e á rexeneración costeira. Un exemplo de como ciencia, mar e gastronomía poden avanzar xuntas desde Galicia con proxección internacional.

Podes ampliar a información e ler o artigo completo aquí.

A receita do mes: pastel de escacho

Ricardo Fernández, cociñeiro e profesor dos ciclos de formación profesional de cociña no CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, propón unha receita de pastel de escacho sinxela, saborosa e moi agradecida na cociña do día a día. Con esta receita, Ricardo quere poñer o foco no coñecemento do produto e no aproveitamento responsable dos recursos mariños.

Trátase dunha elaboración versátil, que admite variacións segundo o peixe dispoñible e permite adaptarse facilmente ao que marca a tempada e a lonxa. O resultado é un prato equilibrado, de textura suave e sabor limpo, no que o produto do mar é o verdadeiro protagonista. Un bo peixe, unha salsa de tomate caseira e unha elaboración coidada fan deste pastel unha opción perfecta tanto para menús familiares como para restauración colectiva.

Podes ver aquí a receita completa.