Canal Rías Baixas

No mes de setembro, o Canal Rías Baixas realizou tres reportaxes que tiveron como protagonista a marca pescadeRías, ¿de onde se non?. Nos vídeos, amósanse os oficios do mar,  a variedade de produtos certificados e a tipoloxía de entidades usuarias e adheridas que engloba a marca, como o marisqueo, a pesca de baixura, a actividade na lonxa, o proceso de depuración e procesos de transformación como a conserva e a conxelación de polbo.

Preme aquí para ver as reportaxes: vídeo 1, vídeo 2, vídeo 3.

Exaltación do Berberecho de Noia

Do 17 ao 20 de outubro, celebraranse as IV Xornadas de Exaltación do Berberecho de Noia cun amplo e variado programa, organizadas pola Confraría de Pescadores de Noia.

Entre outras actividades, haberá unha visita de seis cociñeiros á zona de marisqueo, á lonxa, á depuradora e á praza de abastos, masterclass, showcooking, mesas de debate e degustación popular.

Podes consultar o programa premendo aquí.

Aperturas e peches

En outubro,  iniciouse a campaña do ourizo na provincia de Pontevedra, tal e como contemplan os plans de xestión presentados polas diferentes confrarías de pescadores para este recurso. Así mesmo, na provincia de A Coruña, deu comezo a campaña marisqueira en Aguiño.

Por outra banda, rematou a veda para o Santiaguiño (Scyllarus arctus), que poderá ser capturado ata o remate do ano, e comezou a veda da lagosta (Palinurus elephas), que non atoparemos nas lonxas ata o ano 2020.

Campaña «Vai de peixe»

A Consellería do Mar presentou a campaña Vai de peixe, destinada a impulsar o consumo de produtos do mar e da acuicultura entre os consumidores da franxa de idade entre os 18 e os 35 anos. Xa están dispoñibles unha páxina web, unha canle de youtube e un perfil de instagram desta iniciativa, que pretende fomentar hábitos de alimentación saudable e o consumo habitual de peixes e mariscos entre os «millennials».  Vídeo de presentación.

Mulleres do Mar de Arousa

O Galp Ría de Arousa obtivo o primeiro premio do concurso internacional convocado pola Asociación Internacional de Mujeres en la Industria Pesquera (WSI) grazas ao vídeo The Arousa Sea Women (Mulleres do Mar de Arousa), que retrata o día a día das traballadoras do mar.  O certame pretende amosar exemplos de mulleres que poidan servir de modelos proactivos e positivos. Podes ver o vídeo no seguinte enlace.

Novos PERMEX en Pontevedra

Convocado o proceso selectivo para a cobertura de vinte prazas de marisqueo a pé para o exercicio da actividade extractiva no ámbito territorial do plan de explotación conxunto, modalidade de a pé, na Confraría de Pescadores de Pontevedra.

Para obter máis información sobre esta convocatoria, podes consultar as bases premendo aquí.

Conxemar 2019

Do 1 ao 3 de outubro estivemos na XXI Edición da Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados, CONXEMAR que se celebrou no Instituto Ferial de Vigo. O stand da Consellería do Mar acolleu a presentación da Lonxa de Ribeira, contando con numerosa representación do sector pesqueiro artesanal galego, e do proxecto SEATRACES, do Instituto de Investigacións Mariñas. Tiveron presenza, con stand propio, as empresas certificadas Mariscos Daporta S.L., Conservas PortomarFrigoríficos de Camariñas, S.L.Frigoríficos Rosa de los Vientos, S.L.Frinsa del Noroeste, S.A. e Yatecomeré, S.L.

Mercado do mar

Os días 21 e 22 de setembro estivemos no Mercado do Mar, enmarcado no Festival Mar de Mares, amosando os oficios do mar, a marca pescadeRías e fomentando o consumo responsable dos produtos do mar.

Ademais, Ana Portals, do restaurante Solleiros Espazo Gastronómico, elaborou tres preparacións con fanecas, navallas e berberechos certificados durante o showcooking Tesouros das nosas Rías, celebrado na explanada de O Parrote, en A Coruña. Aquí podes ver un vídeo resumo.

II Festa da Empanada Mariñeira

O 27 e 28 de setembro celebrouse a II Festa da Empanada Mariñeira con produtos certificados polo selo pescadeRías. ¿de onde se non?, organizada polo Club de Piragüismo e a Confraría de Pescadores de Portonovo.

Demostracións de cociña para persoas adultas e nenos e nenas, maridaxes e concursos de empanadas populares e concursos entre confrarías, son parte das actividades que se levaron a cabo nesta cita gastronómica.

FICBUEU 2019

O 14 de setembro, directores/as e críticos/as de cine de varios países participantes no 12º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu – FICBUEU 2019, asistiron á actividade Descubrindo as excelencias do noso mar con pescadeRías, ¿de onde se non?. Realizaron unha visita guiada ao peirao, lonxa e praza de abastos, e degustaron produtos certificados nun showcooking  levado a cabo por Criselda Iglesias da Tapería Lecer de Cangas.

Aquí podes ver un vídeo con algunhas das imaxes que deixou a xornada. Fotografías de Prolight Foto Estudio.