Do 18 ao 21 de outubro celebrarase a 34 Edición do Salón Gourmets no Recinto Ferial de IFEMA en Madrid. A Consellería do Mar estará presente no Stand institucional da Xunta de Galicia (STAND Nº 6F10, Hall 6) con 24 empresas coexpositoras. Contará cun amplo programa de actividades no Espazo Degustación onde a marca pescadeRías, ¿de onde se non? estará presente dando a coñecer a pesca artesanal, os oficios do mar e os produtos certificados. Premendo aquí podes consultar o programa de catas e aquí descargar a invitación.
Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar
Do 3 ao 7 de novembro celebrarase unha nova edición de XANTAR, Salón Internacional de Turismo Gastronómico de Ourense. A Consellería do Mar estará presente no stand institucional da Xunta de Galicia e contará cun variado programa de degustacións onde os produtos certificados serán protagonistas. Ademais, pon a disposición das empresas comercializadoras de produtos do mar catro espazos. Se estás interesado en participar podes atopar toda a información premendo aquí.
Especie do mes: berberecho
O berberecho (Cerastoderma edule) é un molusco bivalvo que ten as cunchas de forma case circular. Posúe entre 22 e 28 costelas ben marcadas e vive en fondos lamacentos e de area fina próximos ás costas. Pode ser capturado a pé con sachos, angazos ou ganchas cunha lonxitude e separación entre dentes axeitada para esta especie. Tamén se captura dende embarcación con raños, rastros ou ganchos.
Preme aquí para saber máis sobre este molusco.
III Festa da empanada mariñeira de Portonovo
O 2 e 3 de outubro celebrouse a III Festa da Empanada Mariñeira con produtos certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, organizada polo Clube de Piragüismo e a Confraría de Pescadores de Portonovo.
O público asistente puido desfrutar de preparacións de empanada con produtos certificados de diferentes confrarías de pescadores, asistir a maridaxes e demostracións de cociña en directo e participar no concurso popular da empanada mariñeira, entre outras actividades.
VIII Conferencia Internacional Arvi sobre o Futuro da Pesca
O 27 e 28 de setembro tivo lugar a VIII Conferencia Internacional Arvi sobre o Futuro da Pesca: a pesca europea ante o Level Playing Field.
A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar, Mercedes Rodríguez Moreda, impartiu un relatorio sobre a marca pescadeRías, ¿de onde se non? dentro do bloque «O etiquetado e as certificacións na pesca do futuro: como facer partícipe á persoa consumidora no level playing Field».
Mercado do Mar
O pasado sábado 25 de setembro e como parte das actividades da VIII Edición do Festival Mar de Mares tivo lugar unha nova edición do Mercado do Mar. Durante o evento celebrado na cidade de A Coruña, realizouse o showcooking con produtos certificados Tesouros das nosas rías capitaneado por Criselda Iglesias da Tapería Lecer de Cangas. Así mesmo, Pescados Rabina, peixería situada no Mercado de Lugo e adherida ao selo pescadeRías, ¿de onde se non? e Conservas La Curiosa, empresa certificada pola marca, presentaron os seus modelos de negocio. Preme aquí para ver un vídeo.
Vedas crustáceos
O 30 de setembro comezou a veda da lagosta (Palinurus elephas) en Galicia. Poderá extraerse de novo a partires do 1 de xaneiro do vindeiro ano.
Por outra banda, rematou a veda do santiaguiño (Scyllarus arctus) que poderá ser capturado ata o 5 de xaneiro de 2022. O período autorizado para a captura desta especie é de tan so tres meses ao ano para evitar a súa sobreexplotación.
Inicio da campaña do ourizo
No mes de outubro comezou a campaña do ourizo 2021-2022 nas Confrarías de Pescadores da provincia de Pontevedra. A súa captura, que pode facerse a pé ou a mergullo, regúlase mediante plans de xestión aprobados pola Consellería do Mar. Nas lonxas das provincias de A Coruña e Lugo aparecerán os primeiros ourizos entre novembro e xaneiro, dependendo da época de captura que figura nos plans de xestión presentados por cada Confraría. A campaña prolongarase ata abril do ano 2022.
Campaña de mariqueo en Noia
O 28 de setembro comezou a campaña de marisqueo 2021/22 na Ría de Muros – Noia. Arredor de 1500 persoas, entre mariscadores/as a pé e desde embarcación, están autorizadas para a extracción de berberecho, ameixa fina, ameixa babosa e ameixa xaponesa. Os bivalvos comercializados na lonxa de Testal e o centro de primeira venda de O Freixo están certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?. Podes atopar imaxes do arranque da campaña na seguinte ligazón.
A empresa do mes: Mariscos Calimar
Mariscos Calimar, S.L. é unha empresa con sede en Cangas do Morrazo (Pontevedra) especializada na venta de marisco fresco a nivel local, nacional e internacional. Subministran os seus produtos ao sector maiorista de marisco e ao sector da restauración, a quen ofrecen un trato personalizado e adaptado ás súas necesidades. Están especializados en moluscos bivalvos, percebes e ourizos. O seu produto estrela é a gónada de ourizo. Están certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? para os grupos biolóxicos equinodermos, bivalvos e crustáceos.