pescadeRías no Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu – FICBUEU

Entre o 10 e o 19 de setembro tivo lugar a 14º Edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu – FICBUEU 2021.

O Domingo 19, directores/as e críticos/as do cinema e profesionais do audiovisual, música e radio asistiron á actividade «Descubrindo as excelencias do noso mar con pescadeRías, ¿de onde se non?« con Criselda Iglesias da Tapería Lecer aos fogóns. Coñeceron a marca pescadeRías, a pesca artesanal e as características dos produtos certificados.

Accións formativas

Durante o mes de setembro impartiuse formación en hixiene e manipulación de alimentos a mariscadores/as e a todo o persoal da Confraría de Pescadores de Mugardos.

Recibiu tamén formación nestas materias o persoal da Confraría de Pescadores de Barallobre e da súa depuradora e o persoal responsable da manipulación dos produtos pesqueiros da empresa Mariscos Calimar, S.L. adicada á depuración, transformación e distribución de bivalvos, crustáceos e equinodermos.

Novas peixerías adheridas

Mar das Sigargas, que contaba cun establecemento adherido en Carral (A Coruña), adheriu este mes ao selo pescadeRías, ¿de onde se non? as súas peixerías de Arteixo, Carballo e Laracha, onde ofrece á súa clientela peixes e mariscos procedentes da nosa pesca artesanal.

Por outra banda, adheriuse á marca Mariscos Areamar sito na praza de abastos de Portonovo. Comercializa a nivel nacional unha grande variedade de mariscos procedentes de lonxas galegas e entidades certificadas.

Novos restaurantes adheridos

Na cidade de Santiago de Compostela e ubicado na zona monumental, o restaurante Orixe inspira os seus pratos “na cociña das avoas” e ofrece unha carta fiel á súa filosofía, onde se poden degustar os mellores produtos que nos brinda a gastronomía típica de Galicia, sempre baixo un prisma de innovación.

En Vigo, o restaurante Niño Corvo, con Adrián Albino ao frente como cociñeiro e propietario, destaca polo seu exemplar trato ao produto, que o convirte nun dos máis emblemáticos establecementos da cidade olívica.

Certificacións e ampliacións

A depuradora de moluscos bivalvos Luis Rosales realizou a súa auditoría inicial no mes de setembro. Por outra banda, superaron auditorías de recertificación a Confraría de Mugardos (bivalvos e gasterópodos), a Confraría de Barallobre así como a súa depuradora (bivalvos, gasterópodos e equinodermos) e a empresa Mariscos Calimar, S.L., adicada a depuración, transformación e distribución de bivalvos, crustáceos e equinodermos. Así mesmo, tivo auditoría de recertificación a Confraría de Aldán – Hío (bivalvos, crustáceos e gasterópodos), e ampliación de alcance de certificación para o grupo biolóxico peixes.

Convocatoria de PERMEX

RESOLUCIÓN do 20 de setembro de 2021 da xefatura territorial da Consellería do Mar en Vigo pola que se convoca o proceso selectivo para o acceso ao permiso de explotación na modalidade de marisqueo a pé da confraría de Moaña.

O número de prazas convocadas é de nove. Podes atopar as bases, impresos de solicitude e toda a información relacionada premendo aquí.

Proxecto Valober.Gal

O proxecto “ Valober.Gal: Valorización do berberecho Cerastoderma edule da costa galega, mediante marcador de identidade da súa orixe xeográfica” ten como obxectivo dotar ao berberecho da costa galega dunha identidade propia e diferenciada no mercado como recurso sostible, verificable mediante técnicas moleculares baseadas en datos xenéticos.

Para saber máis sobre o mesmo, preme aquí para acceder a un artigo.

A receita do mes

Maica Couto e Diego Domínguez, do Restaurante A Ostrería de Santiago de Compostela adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, amósannos este mes como preparar un prato que combina dúas xoias da gastronomía galega: filloas e polbo.

A receita foi presentada no showcooking “De proximidade e con selo propio” na 24º Edición do Salón de Alimentación do Atlántico, SALIMAT ABANCA. Preme aquí para acceder a ela.