II Feira da Conserva de Vilanova de Arousa

Os días 27, 28 e 29 de agosto celebrouse en Vilanova de Arousa a II Feira da Conserva. As empresas Conservera Gallega e Conservas Antonio Pérez Lafuente, certificadas pola marca pescadeRías, ¿de onde se non?, estiveron presentes cos seus produtos do mar.

Durante o evento, tivo lugar unha degustación gastronómica en directo a cargo do cociñeiro Miguel Mosteiro de Gastrolab Arousa con produtos de ambas conserveiras como protagonistas.

O pracer na túa boca

O 13 de agosto, a OPP20 realizou un acto de presentación para dar a coñecer a súa marca Marisco de A Illa, así como a campaña de promoción “O pracer na túa boca”. A marca pretende mellorar a comercialización dos produtos do mar extraídos polos produtores/as da OPP20 e fomentar o seu consumo cos seguintes atractivos: Tradición sostible, produto de calidade, alimentación saudable e desfrute culinario. Os produtos comercializados por esta entidade están avalados así mesmo polo selo pescadeRias, ¿de onde se non?. Preme aquí para ver o vídeo da campaña.

Especies de tempada: sargo común

O sargo común (Diplodus sargus) é un peixe semigraxo que podemos atopar frecuentemente nos mercados procedente da pesca artesanal.

O seu corpo é ovalado, alto e comprimido e a súa boca é pequena. De cor gris prateada, posúe unhas liñas estreitas verticais que baixan desde o lombo, máis marcadas nos exemplares máis novos. No nacemento da súa cola ten unha mancha negra. Está totalmente recuberto de escamas grandes e visibles. Se queres saber máis sobre esta especie. Pica aquí para ver unha ficha.

Inicio da veda do boi

O 28 de agosto ás 00.00 horas comeza a veda do boi (Cancer pagurus) dende a desembocadura do río Miño ata o río Eo que se prolongará ata as 24 horas do 6 de novembro de 2021, ambos inclusive.

A extracción deste crustáceo regúlase a través de plans de explotación anuais nos que se determinan, entre outras cousas, os períodos de veda. Captúrase principalmente con miños. Tamén pode ser capturado con outras artes de enmalle fixas como trasmallos e raeiras ou con nasas.

DIETLÁNTICA

Os días 13 e 14 de setembro celebrarase en Santiago de Compostela e Ribeira o I Foro de Fomento de Consumo de Peixe, Alimentación Saudable e Sostible (DIETLÁNTICA). Promovido pola Fundación Dieta Atlántica a través da Universidade de Santiago de Compostela e coa colaboración da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, o foro contará con profesionais de recoñecido prestixio que debatirán sobre os beneficios dunha dieta saudable desde os puntos de vista nutricional, medioambiental e social. Preme aquí para máis información.

pescadeRías no Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu – FICBUEU

Entre o 10 e o 19 de setembro terá lugar a 14º Edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu – FICBUEU 2021.

O Domingo 19, directores/as e críticos/as do cinema e profesionais do audiovisual, música e radio asistirán á cata Descubrindo as excelencias do noso mar con pescadeRías, ¿de onde se non?, na cal terá lugar unha mostra de cociña en directo capitaneada por Criselda Iglesias (Tapería Lecer) con degustación de produtos do mar certificados .

Sementeira en Vilanova de Arousa

A Cofradia Pescadores A Pastoriza de Vilanova de Arousa, está a realizar tarefas de rexeneración dos seus bancos marisqueiros. O pasado mes sementaron máis de 250.000 unidades de ameixa babosa nos seus bancos de marisqueo a flote. Previamente arouse a zona e fíxose unha limpeza do substrato.

Esta actividade é a primeira parte dunha sementeira que se completará o próximo ano con 1.000.000 de unidades máis desta mesma especie.

Triple Coroa Illas Atlánticas

O pasado 4 de setembro tivo lugar a segunda edición da Triple Coroa Illas Atlánticas, na que máis de 120 nadadores percorreron 23 kms entre Ons e Combarro. Un dos obxectivos do evento foi a posta en valor da riqueza natural das Illas Atlánticas así como o patrimonio marítimo e cultural de Galicia. Os produtos pescadeRías estiveron presentes na degustación de produtos galegos que tivo lugar no Mosteiro de Poio en dúas preparacións: empanada de millo con xoubas e Fabas de Lourenzá con polbo.

Accións formativas

O pasado 20 de agosto impartiuse un curso de hixiene e manipulación de alimentos a responsables do cabildo, mariscadores a flote e pescadores de anguía da Confraría de Pescadores Virxe do Carme de Arcade.

A formación no ámbito da hixiene e a manipulación do produto é requisito indispensable para superar as auditorías que se levan a cabo para a certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Os nosos usuarios: Conservera Gallega, S.A.

Conservera Gallega, S.A. é unha empresa centenaria dedicada á fabricación de conservas de peixes e mariscos ubicada en Vilanova de Arousa.

Elaboran as súas conservas de xeito tradicional con produtos de máxima calidade que seleccionan e empacan artesanalmente e que comercializan baixo as marcas Paco Lafuente e Rosa Lafuente.