Recertificacións e ampliacións

Ao longo do mes de agosto realizaron auditorías de recertificación a Confraría de Pescadores de Arcade (bivalvos e peixes) e a Confraría de Pescadores de Muros (bivalvos, cefalópodos, peixes, crustáceos e equinodermos). Así mesmo, a depuradora José Mª Daporta e Hijos, que tiña como alcance moluscos bivalvos, solicita ampliación de certificación ao grupo biolóxico crustáceos.

Convocatorias de axudas

Convocatoria de axudas destinadas á creación de organizacións de produtores pesqueiros e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros.

Convocatoria de axudas autonómicas para proxectos colectivos de modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros, das lonxas ou establecementos autorizados para a primeira venda de produtos pesqueiros e dos lugares de desembarque, para a mellora da eficiencia enerxética, da protección do medio ambiente, da seguridade e das condicións de traballo, e da calidade e do control e rastrexabilidade dos produtos desembarcados da pesca.

O prazo para ambas remata o 13 de setembro.

Proxecto OCIMER

O proxecto OCIMER “Optimización do cultivo integral e a metodoloxía de repoboación do ourizo de mar» ten como obxectivo implementar novas técnicas optimizadas de cultivo e metodoloxía de repoboación do ourizo de mar (Paracentrotus lividus), que contribúan a mellorar a calidade das gónadas producidas, ampliando o seu período de comercialización no mercado, así como á recuperación das poboacións de zonas sobreexplotadas e da actividade pesqueira asociada. Está a desenvolverse nas instalacións do CIM- Uvigo da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT) e ten como socia á Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas, contando co apoio do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Preme aquí para acceder a un artigo sobre este proxecto.

A receita do mes

O reló (Dosinia exoleta) é un bivalvo de contorno case circular con valvas grosas, interior branco e exterior habitualmente claro, cunhas pequenas bandas en zigzag moi vistosas. Case a totalidade das capturas proceden do marisqueo desde embarcación con rastro. O seu prezo é moi asequible.

Aínda que son algo máis duros cas ameixas, preparados á mariñeira, tal e como nos propoñen desde a OPP20 no seu recetario da campaña «O pracer na túa boca» para a promoción do Marisco de A Illa de Arousa, poden ser un excelente entrante.

Preme aquí para ver a receita elaborada polo cociñeiro galego Adrián Albino (Restaurante Niño Corvo).