Empresa do mes: Frigoríficos Rosa de los Vientos, S.L.

Frigoríficos Rosa de los Vientos, S.L. é unha empresa familiar con 30 anos de andadura no sector, certificada polo selo pescadeRías para a transformación de bivalvos e cefalópodos.

En constante innovación, baixo a marca O Pulpeiro comercializa polbo galego procedente da pesca artesanal tanto conxelado como cocido e pasteurizado.

Especie do mes: Salmonete de rocha

salmonete de rocha (Mullus surmuletus) é un peixe semigraxo que habita en fondos de area e rocha próximos á costa e que se captura habitualmente con artes de enmalle. Entre agosto e decembro está na súa mellor época de consumo. Considerado unha exquisitez polo seu intenso sabor a marisco, aporta importantes beneficios para a saúde. Para saber máis preme aquí para ver unha ficha.

Certificacións

A Confraría de Pescadores de Vigo renovou a súa certificación no selo pescadeRías para a comercialización de bivalvos, cefalópodos, crustáceos, algas, antozoos e equinodermos. Pola súa banda, a Lonxa da Illa de Arousa, xestionada pola O.P.P.20 e certificada para a comercialización de bivalvos, algas, antozoos e crustáceos, superou unha auditoría de seguimento.

Pescada vs pescadilla e carioca

A pescada (Merluccius merluccius) pode ser capturada a partires dos 27 cm, aínda que o máis recomendable é pescala de tamaños maiores. As pescadas pequenas coñécense como pescadillas mentres que as cariocas son individuos por debaixo do tamaño legal de captura e debemos rexeitalas se as atopamos no mercado. Preme aquí para ver unha ficha sobre os tamaños desta especie.

Vedas da lagosta e do boi

O 3 de setembro comezou a veda do boi (Cancer pagurus), que durará ata o 6 de novembro, conforme se recolle no Plan de xestión da centola e do boi 2022-2023. Así mesmo, entre o 30 de setembro e o 1 de decembro a lagosta (Palinurus elephas) entrará en veda en augas galegas conforme se establece no Plan xeral de explotación marisqueira para o trienio 2021-2023.

Ordenación da pesqueira da xarda

Resolución do 12 de agosto de 2022, da Secretaría Xeral de Pesca, pola que se modifica a do 2 de marzo de 2022, pola que se establecen disposicións adicionais de ordenación da pesqueira da xarda (Scomber scombrus) das zonas 8c e 9a para os buques da frota doutras artes distintas ao arrastre e cerco con porto base na provincia de Pontevedra.

Convocatoria de axudas

Axudas en réxime de concorrencia competittiva destinadas á creación de organizacións de produtores pesqueiros (OPP) e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros (AOP) recoñecidas no ámbito autonómico galego. En prazo ata o 19 de setembro.

Axudas para accións formativas, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro. En prazo ata o 30 de setembro.

A pescada: un megaalimento para os nenos

O peixe e o marisco son o grupo de alimentos con mellor taxa de retorno enerxético en forma proteica, en relación á súa pegada de carbono.

Gumersindo Feijoo, coautor da marca Pescaenverde da Universidade de Santiago de Compostela, explícanos neste artigo a importancia de establecer hábitos saudables e respectuosos co medio ambiente nas xeracións futuras e de como a pescada pode axudarnos no proceso polo seu sabor, textura, versatilidade, alto contido nutricional e baixa pegada de carbono.