Sementeira en Vilanova de Arousa

A Cofradia Pescadores A Pastoriza de Vilanova de Arousa, está a realizar tarefas de rexeneración dos seus bancos marisqueiros. O pasado mes sementaron máis de 250.000 unidades de ameixa babosa nos seus bancos de marisqueo a flote. Previamente arouse a zona e fíxose unha limpeza do substrato.

Esta actividade é a primeira parte dunha sementeira que se completará o próximo ano con 1.000.000 de unidades máis desta mesma especie.

Triple Coroa Illas Atlánticas

O pasado 4 de setembro tivo lugar a segunda edición da Triple Coroa Illas Atlánticas, na que máis de 120 nadadores percorreron 23 kms entre Ons e Combarro. Un dos obxectivos do evento foi a posta en valor da riqueza natural das Illas Atlánticas así como o patrimonio marítimo e cultural de Galicia. Os produtos pescadeRías estiveron presentes na degustación de produtos galegos que tivo lugar no Mosteiro de Poio en dúas preparacións: empanada de millo con xoubas e Fabas de Lourenzá con polbo.

Accións formativas

O pasado 20 de agosto impartiuse un curso de hixiene e manipulación de alimentos a responsables do cabildo, mariscadores a flote e pescadores de anguía da Confraría de Pescadores Virxe do Carme de Arcade.

A formación no ámbito da hixiene e a manipulación do produto é requisito indispensable para superar as auditorías que se levan a cabo para a certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Os nosos usuarios: Conservera Gallega, S.A.

Conservera Gallega, S.A. é unha empresa centenaria dedicada á fabricación de conservas de peixes e mariscos ubicada en Vilanova de Arousa.

Elaboran as súas conservas de xeito tradicional con produtos de máxima calidade que seleccionan e empacan artesanalmente e que comercializan baixo as marcas Paco Lafuente e Rosa Lafuente.

Recertificacións e ampliacións

Ao longo do mes de agosto realizaron auditorías de recertificación a Confraría de Pescadores de Arcade (bivalvos e peixes) e a Confraría de Pescadores de Muros (bivalvos, cefalópodos, peixes, crustáceos e equinodermos). Así mesmo, a depuradora José Mª Daporta e Hijos, que tiña como alcance moluscos bivalvos, solicita ampliación de certificación ao grupo biolóxico crustáceos.

Convocatorias de axudas

Convocatoria de axudas destinadas á creación de organizacións de produtores pesqueiros e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros.

Convocatoria de axudas autonómicas para proxectos colectivos de modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros, das lonxas ou establecementos autorizados para a primeira venda de produtos pesqueiros e dos lugares de desembarque, para a mellora da eficiencia enerxética, da protección do medio ambiente, da seguridade e das condicións de traballo, e da calidade e do control e rastrexabilidade dos produtos desembarcados da pesca.

O prazo para ambas remata o 13 de setembro.

Proxecto OCIMER

O proxecto OCIMER “Optimización do cultivo integral e a metodoloxía de repoboación do ourizo de mar» ten como obxectivo implementar novas técnicas optimizadas de cultivo e metodoloxía de repoboación do ourizo de mar (Paracentrotus lividus), que contribúan a mellorar a calidade das gónadas producidas, ampliando o seu período de comercialización no mercado, así como á recuperación das poboacións de zonas sobreexplotadas e da actividade pesqueira asociada. Está a desenvolverse nas instalacións do CIM- Uvigo da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT) e ten como socia á Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas, contando co apoio do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Preme aquí para acceder a un artigo sobre este proxecto.

A receita do mes

O reló (Dosinia exoleta) é un bivalvo de contorno case circular con valvas grosas, interior branco e exterior habitualmente claro, cunhas pequenas bandas en zigzag moi vistosas. Case a totalidade das capturas proceden do marisqueo desde embarcación con rastro. O seu prezo é moi asequible.

Aínda que son algo máis duros cas ameixas, preparados á mariñeira, tal e como nos propoñen desde a OPP20 no seu recetario da campaña «O pracer na túa boca» para a promoción do Marisco de A Illa de Arousa, poden ser un excelente entrante.

Preme aquí para ver a receita elaborada polo cociñeiro galego Adrián Albino (Restaurante Niño Corvo).

Septiembre21 castellano

 
 

24º Edición do Salón de Alimentación do Atlántico, SALIMAT ABANCA

Do 3 ao 5 de setembro celebrarase a 24º Edición do Salón de Alimentación do Atlántico, SALIMAT ABANCA,  en Silleda. O Salón potenciará alimentos diferenciados constituíndo, para a persoa visitante, un gran escaparate de produtos de calidade e innovadores a través dun amplo programa de actividades, presentacións e showcookings. 

Os produtos do mar de Galicia certificados serán os protagonistas nas catas realizadas no espazo degustación do stand da Xunta de Galicia. Ademais, celebrarase no centro de negocios, o encontro entre compradores para favorecer a distribución nacional e internacional.


Degustación popular en Lira

Un ano máis, a Confraría De Pescadores de Lira organiza unha degustación popular de produtos da reserva mariña de Lira.

A primeira cita tivo lugar o sábado 24 de xullo no porto de Lira e a segunda celebrarase o vindeiro sábado 14 de agosto. Nela poderedes degustar, entre as 12 e as 20 horas, os mellores produtos procedentes da lonxa desta localidade, certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Festa da Xouba de Rianxo

O 24 e 25 de xullo tivo lugar a Festa de Exaltación da Xouba de Rianxo, que este ano realizouse en modalidade on line, a través de dous showcookings dos cociñeiros Federico López Arcay (A Quinta da Agua) e Hugo Rey (Curral do Marqués).

Ambos restaurantes están adheridos ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?. Podes ver os vídeos coas elaboracións premendo nas seguintes ligazóns: A Quinta da Auga e Curral do Marqués.

Especie do mes: Navalla

A navalla, Ensis magnus (=arcuatus), é un molusco bivalvo cunha superficie brillante que semella vernizada. As súas valvas arqueadas (en forma de navalla) permiten diferenciala do longueirón. Extráese a man dunha nunha, a pé ou, máis frecuentemente, a mergullo en apnea ou con subministro de aire dende superficie. De carne saborosa e consistente, podemos degustalas simplemente abertas á grella cunhas pingas de limón. Preme aquí para ver unha ficha informativa.

Veda do choco nas Rías Baixas

A veda para o choco (Sepia officinalis) comezou o día 5 de xullo na Ría de Pontevedra, o día 19 de xullo na Ría de Vigo e o día 1 de agosto na Ría de Arousa.

Ata finais de outubro queda prohibida a captura, tenza a bordo, transbordo, comercialización ou venda desta especie nas tres rías, por dentro das liñas de referencia do anexo III do Decreto 15/2011 do 28 de xaneiro polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Preengorde de ameixa en Cambados

As agrupacións de marisqueo a pé e a flote da Confraría de Pescadores de Cambados realizan preengorde de ameixa en batea entre os 0,5 e 15 mm (proceso que dura entre dous e tres meses) para despois sementala nos seus bancos marisqueiros.

Cada tres semanas lavan e peneiran as ameixas e volven introducilas en mallas limpas coa densidade axeitada para favorecer o seu crecemento. De media cada ano pasan pola súa batea experimental en torno a 8 millóns de unidades de ameixa xaponesa e 5 millóns de ameixa babosa.

GALICIA SABE AMAR

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, presentaron o venres 6 de agosto a nova campaña para a promoción dos produtos do mar, co obxectivo de impulsar o consumo de peixes e mariscos entre a cidadanía. Baixo o lema GALICIA SABE AMAR destácase de xeito fresco e atractivo a calidade e grande variedade de produtos do mar cos que conta Galicia. A campaña pon en valor a diversidade de formatos e posibilidades que ofrecen os peixes e mariscos permitindo a elaboración de pratos da máxima calidade. Preme aquí para ver o vídeo.

Os nosos usuarios: Mariscos Inés, S.L.

Mariscos Inés, S.L. é unha empresa familiar con máis de 25 anos de experiencia no sector da depuración de bivalvos que tamén distribúe peixes e mariscos tanto a maioristas de distintos puntos da península como ao mercado minorista. Está certificada na marca pescadeRías para bivalvos, gasterópodos, cefalópodos, peixes, crustáceos e equinodermos. Así mesmo, ofrece os seus produtos na peixería ubicada nas súas instalacións de Redondela, adherida ao selo este mes.

Novas peixerías adheridas

O pasado mes adheríronse dúas novas peixerías á marca pescadeRías.

No Mercado de Abastos de Muros Peixes e Mariscos Nero ofrece excelentes produtos locais procedentes da pesca artesanal.

A empresa certificada Mariscos Inés, con sede en Redondela, adheriu a peixería que ten nas súas instalacións na que ofrece os seus produtos como establecemento minorista de acceso ao público en xeral.

Convocatoria de PERMEX

Publicada a RESOLUCIÓN da xefatura territorial da Consellería do Mar na Coruña, pola que se convoca o proceso selectivo para o acceso ao permiso de explotación, modalidade ourizo a pé, para o exercicio da actividade extractiva na confraría de pescadores de Malpica.

O plan de xestión do ourizo na modalidade a pé en Malpica é de nova incorporación e foi aprobado pola Consellería do Mar o pasado mes de maio. O número de prazas convocadas son 10.

Restaurantes Fogar do Santiso

Fogar do Santiso é un proxecto familiar de restauración que ten como obxectivo por en valor a cultura galega e o rural. Co paso do tempo convertiuse nun referente cultural e gastronómico en Galicia. No camiño cara a sustentabilidade e como modelo na restauración e na dignificación do rural, comezan unha viaxe hacia o autoabastecemento pasando a producir as súas propias materias primas en ecolóxico e a axudar a outros produtores. Nos seus establecementos de restauración de Lapamán, Oleiros, Santiago de Cospostela, Allariz e Teo, que acaban de adherir á marca, apostan polos produtos do mar certificados por pescadeRías.

Novos restaurantes adheridos

A maiores dos establecementos de Fogar do Santiso, en xullo adheríronse dous novos restaurantes ao selo, ambos no Concello de Cangas.

No restaurante La Curva, próximo á praia de Nerga, ofrecen unha cociña tradicional na cal peixes e mariscos están moi presentes con fermosas vista á Ría de Vigo.

A tapería Chinchorro, en Aldán, conta cunha ampla terraza e ofrece unha cociña sinxela con produtos galegos de tempada, onde peixes e mariscos procedentes da pesca artesanal das lonxas da contorna son protagonistas.

Certificacións e recertificacións

Damos a benvida a unha nova entidade certificada, a Confraría de Pescadores San Telmo de Porto do Son. A entidade pasou auditoría de certificación para os grupos biolóxicos bivalvos, cefalópodos, crustáceos, equinodermos e peixe no mes de xullo. Poderemos atopar o logotipo da marca pescadeRías nas súas etiquetas de primeira venda destes produtos.

Por outra banda, a Confraría de Pescadores de Portonovo, certificada para os grupos peixes, cefalópodos, bivalvos e equinodermos, superou unha auditoría de recertificación, ampliando o seu alcance de certificación a crustáceos.

Proxecto 1MARDEALOSAS

O sábalo (Alosa alosa) e a saboga (Alosa fallax) son especies pertencentes á familia dos Clupeidos, a mesma na que se inclúen a sardiña ou o arenque. En decembro de 2020 iniciouse o proxecto 1MARDEALOSAS co obxectivo de mellorar o estado do coñecemento sobre a distribución, bioloxía e ecoloxía das dúas especies de alosas europeas no medio costeiro do noroeste ibérico a partir das capturas accesorias ou incidentais que se producen na pesqueira e co fin de propoñer medidas de protección, conservación e xestión para estas especies ameazadas. Preme aquí para acceder a un artigo sobre este proxecto.

A receita do mes

En Galicia temos unha ampla variedade de especies pesqueiras que nos ofrecen grandes posibilibidades culinarias. Os peixes de pequeno tamaño como a piarda podemos comelos enteiros, normalmente fritidos.

Rita Portas Garrido, de Estribela (Pontevedra), proponnos este mes preparalas en tortilla. Unha receita tradicional mariñeira herdada da súa nai e da súa avoa, Rita «A Peixiña», que compraba peixe na lonxa de Marín para secalo e vendelo polas casas.

Preme aquí para acceder a ela.