Especie do mes: bocarte

O bocarte é un peixe azul de corpo fino e alongado, cabeza pequena, ollos grandes, lombo de cor azul e costados de cor prata. O seu tamaño habitual oscila entre os 12 e os 15 cm. Esta especie peláxica e gregaria achégase no verán á costa para o desove onde é capturada de xeito artesanal con redes de enmalle ou coa arte do cerco.

Ademais de fresco, atopámolo no mercado en conserva ou semiconserva. Se queres descubrir os importantes valores nutricionais e outras curiosidades sobre este pequeno peixe, preme aquí para ver unha ficha.

Accións formativas

O pasado 13 de abril, mariscadoras e mariscadores a pé e o persoal da Confraría de Pescadores de Mugardos recibiron un curso de formación sobre «Hixiene e Manipulación de Produtos Pesqueiros e Marisqueiros».

A Lonxa de Mugardos está certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? dende o ano 2008 para a comercialización de moluscos bivalvos e dende o ano 2018 para a comercialización de moluscos gasterópodos.

Novas adhesións

En abril contamos con dúas novas entidades adheridas ao selo pescadeRías, ambas en Ferrol.

Café Vanessa ofrece á súa clientela unha ampla variedade de tapas, tanto no seu local como a domicilio, entre as que destaca o pastel de cabracho.

Por outra banda, Carrefour Ferrol aposta polo produto local ofertando na súa peixería produtos certificados adquiridos principalmente na Lonxa de Ferrol.

Certificacións

En abril, a empresa Artesa Rías Baixas, S.L. certificouse no selo pescadeRías para os grupos biolóxicos bivalvos, cefalópodos, crustáceos, equinodermos e peixes. Pola súa banda Conservas Portomar, S.L.U. (bivalvos, equinodermos e peixe) e a Confraría de Pescadores de Malpica (cefalópodos, crustáceos, equinodermos, antozoos e peixe) renovaron a súa certificación na marca. A Confraría de Pescadores de Redondela (bivalvos, cefalópodos, crustáceos e peixe) superou unha auditoría de seguimento.

Vieira e zamburiña na ría de Ferrol

No mes de maio remata a campaña da vieira na ría de Ferrol, que comezara o pasado 6 de marzo. Os puntos de descarga desta especie son as lonxas de Ferrol e Barallobre e a súa evisceración é realizada polas empresas autorizadas Vieiras de Ferrol, S.L. e Artesa Rías Baixas, S.L. As 4 entidades están certificadas polo selo pescadeRías. Por outra banda, o día 5 de maio comeza a campaña da zamburiña na ría.

Fin da campaña do ourizo

Como cada ano, en abril rematou a tempada para a captura de ourizo nas nosas costas, determinada polo ciclo biolóxico desta especie. A demanda deste equinodermo rico en vitamina A e aminoácidos esenciais é cada vez maior.

De outubro de 2022 a abril de 2023, o ourizo alcanzou prezos máximos de 23 €/kg e prezos medios de máis de 14 €/kg en primeira venta.

Seafood Expo Global Barcelona

Entre o 25 e o 27 de abril celebrouse en Barcelona a 29º edición da Seafood Expo Global. Nesta importante feira internacional, plataforma de encontro entre provedores e compradores do sector alimentario, a Consellería do Mar estivo presente cun stand institucional, acompañada das empresas certificadas Mariscos Daporta, S.L., El Percebeiro, S.L. e Mares de Galicia S.A.

Expomar Burela

Do 10 ao 13 de maio, celebrarase en Burela unha nova edición de EXPOMAR. Durante estas tres xornadas, terán lugar nesta localidade a XIX Feira Monográfica Náutico-Pesqueira, as XXX Xornadas Técnicas, importante foro de debate de temas de actualidade para o sector pesqueiro, así como o XIV Encontro Empresarial de Organizacións Profesionais de Armadores.

Inscrición na feira Salimat-A Banca

Entre o 8 e o 11 de xuño terá lugar en Silleda a 26º edición do Salón de Alimentación do Atlántico, SALIMAT – ABANCA. A organización da feira ofrece ás empresas do sector de produtos do mar de Galicia estar presentes cun stand de 6 metros cadrados. Premendo aquí podes acceder ao boletín de participación e premendo aquí podes acceder ao dossier da feira.