Especie do mes: Serrán Cabra

O serrán cabra (Serranus cabrilla) é unha especie capturada pola flota artesanal galega con artes de enmalle e anzol, que se comercializa en fresco. Habita fondos rochosos e destaca pola súa cor rosada con bandas transversais acastañadas.

Desde o punto de vista reprodutivo, é hermafrodita sincrónico, podendo actuar como macho ou femia. Trátase dun peixe solitario e territorial, que se agocha entre as rochas ao sentirse ameazado.

É un peixe de carne branca e sabor excelente, aínda que algo espiñento. A súa preparación tradicional inclúe fritido en aceite ben quente ou en caldeirada á galega, sendo tamén ideal para pratos de peixe esmiuzado. Máis información aquí.

Especie do mes: as raias

O xénero Raja spp. agrupa a un gran número de especies de peixes elasmobranquios que teñen en común un corpo aplanado con forma de disco ou rombo, con ás angulosas e un rabo longo.

O fociño das raias é alongado e a súa pel moi áspera. A zona dorsal das raias presenta distintos patróns de coloración e ten dentes cutáneos puntiagudos, mentres que o ventre é claro.

De decembro a febreiro a raia atópase en tempada: é o momento idóneo para cociñala. Se precisas inspiración, visita a sección de receitas da nosa web nesta ligazón.

Podes ampliar a información aquí.

Especie do mes: Longueirón

O longueirón (Ensis siliqua) é un molusco bivalvo con dúas cunchas rectas e alongadas, o cal o diferencia da navalla (Ensis magnus), que é lixeiramente curva. Nótase moito nas valvas a liña de crecemento e presenta dúas zonas de cor diferente, separadas por unha diagonal: unha zona de liñas horizontais marróns ou alaranxadas e outra de liñas verticais.

Vive en fondos areosos, no intermareal inferior e no infralitoral. A súa extracción faise mediante mergullo a pulmón ou con subministro de aire dende superficie, capturando os individuos de un en un coa man. Máis información aquí.