Especie do mes: a navalla

A especie do mes é a navalla (Ensis magnus), un molusco bivalvo moi apreciado na gastronomía galega pola súa textura e sabor delicado. Caracterízase pola súa cuncha alongada e arqueada, que lembra á forma dunha navalla.

Habita enterrada en fondos de area e grava, en zonas intermareais e infralitorais, onde se captura habitualmente a mergullo. Trátase dun organismo rico en proteínas, vitaminas e minerais, cun baixo contido en graxas.

A navalla destaca tamén pola súa versatilidade na cociña, sendo á prancha unha das preparacións máis populares, aínda que admite múltiples elaboracións que realzan o seu carácter mariño.

Amplía aquí a información.

A receita do mes: Navalla con miso de albariño e maionesa de alga codium

O cociñeiro Ángel Parada, colaborador de Espazo Remollo, presentou esta proposta culinaria na aula de catas do Salón Gourmets 2026: navalla con miso de albariño e maionesa de alga codium.

Trátase dunha receita delicada na que as navallas son as protagonistas, acompañadas por unha velouté de albariño e miso, e unha maionesa de codium. Estes ingredientes achegan equilibrio, profundidade e matices, de xeito que realzan o sabor do produto sen enmascaralo. A proposta destaca pola súa coidada execución e polo respecto ao produto, ao combinar técnica culinaria e creatividade cun enfoque contemporáneo.

Un prato que pon en valor o potencial gastronómico deste produto.

Podes ver a receita completa aquí.

Empresa do mes: Porto de Cambados

Porto de Cambados S.L., empresa nacida no seo da Confraría de Pescadores San Antonio de Cambados en 2012, conta coa certificación da marca pescadeRías de onde se non? desde 2014, un compromiso coa calidade, a trazabilidade e a orixe do produto.

Actualmente está certificada como distribuidor, empresa de transformación e depuradora, co alcance de bivalvos, cefalópodos, crustáceos, equinodermos e peixe. O seu produto estrela é a vieira galega procedente da pesca artesanal, selectiva e sostible, con garantía de condicións sanitarias óptimas e de control.

Ademais da vieira, a empresa comercializa polbo, a navalla e a volandeira das rías galegas, referentes da súa aposta polo produto local certificado.

A empresa do mes

A empresa destacada do mes é Real Conservera Española, certificada pola marca pescadeRías de onde se non? desde 2019 para a transformación de bivalvos, peixe e equinodermos.

Con máis dun século de tradición familiar, a conserveira mantén un proceso de elaboración artesanal no que o seu equipo de traballadoras conserva o saber facer da tradición galega. Esta filosofía levounos ao cumio do ranking World’s 101 Best Canned Products from the Sea, sendo o produtor máis galardoado do mundo.

A empresa ofrece visitas guiadas con cata e dispón dunha tenda en liña onde adquirir as súas conservas.

A entidade do mes: Confraría de Cangas

A Confraría de Pescadores San José de Cangas iniciou a súa certificación na marca pescadeRías de onde se non? no ano 2012. Na actualidade, o seu alcance inclúe bivalvos, gasterópodos, cefalópodos, crustáceos, equinodermos, peixe, algas e antozoos.

A súa actividade abrangue a primeira venda en lonxa, a expedición de produtos procedentes de zonas A, a distribución de produto fresco e transformado, así como a venda a consumidor final. Colabora con depuradoras e empresas tamén certificadas para garantir a calidade ao longo de toda a cadea.

En 2023, a confraría lanzou ao mercado a liña gourmet NavalladasCíes, unha conserva artesanal en aceite de oliva con navallas de alta calidade, capturadas polos mergulladores/as da confraría.

O Mar en Tapas

A OPP20 Illa de Arousa organizará o 14 de setembro a II Edición da súa ruta “O mar en tapas”. Nesta edición, na que participarán 15 establecementos de hostalería da Illa de Arousa, os produtos protagonistas serán a navalla e o longueirón capturados por mergulladores locais e certificados pola marca pescadeRías de onde se non?

Realizarase un sorteo de 2 quilos de marisco da Illa entre aquelas persoas que completen os selos do folleto que se lles facilitará coa primeira tapa. O público tamén poderá votar para escoller a mellor tapa, e o local que obteña a maior puntuación recibirá un diploma de recoñecemento.

Toda a información sobre os locais, horarios e tapas aquí.

Especie do mes: Longueirón

O longueirón (Ensis siliqua) é un molusco bivalvo con dúas cunchas rectas e alongadas, o cal o diferencia da navalla (Ensis magnus), que é lixeiramente curva. Nótase moito nas valvas a liña de crecemento e presenta dúas zonas de cor diferente, separadas por unha diagonal: unha zona de liñas horizontais marróns ou alaranxadas e outra de liñas verticais.

Vive en fondos areosos, no intermareal inferior e no infralitoral. A súa extracción faise mediante mergullo a pulmón ou con subministro de aire dende superficie, capturando os individuos de un en un coa man. Máis información aquí.

Avaliación de stocks de navalla

Carlos Mariño, asistencia técnica da Confraría de Pescadores de Cambados, desenvolve no artigo do mes os métodos de mostraxe empregados na avaliación do stock de navalla (Ensis magnus) no banco marisqueiro de O Lombo de As Means (SIGREMAR-AR-257).

O obxectivo destas mostraxes é avaliar a situación poboacional previa á explotación anual do recurso, de cara a elaborar o plan anual de xestión e a realizar unha explotación sustentable ao longo do tempo.

Para ler o artigo completo, preme aquí.