Cunchas de vieira para a construción de arrecifes artificiais sostibles

Un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña vén de publicar un estudo pioneiro que conecta a alta gastronomía coa restauración dos ecosistemas mariños.

A investigación analiza a reutilización de cunchas de pectínidos procedentes de restaurantes con estrela Michelin como material sostible para a construción de arrecifes artificiais. O traballo, publicado na revista International Journal of Gastronomy and Food Science, demostra que estes refugallos poden substituír parte dos áridos tradicionais en ecoformigóns sen perder resistencia, contribuíndo á economía circular e á rexeneración costeira. Un exemplo de como ciencia, mar e gastronomía poden avanzar xuntas desde Galicia con proxección internacional.

Podes ampliar a información e ler o artigo completo aquí.

Premio ao proxecto Seacaps

O concurso Eduemprende Idea, promovido pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, premiou o proxecto Seacaps, unha proposta innovadora para crear un fertilizante concentrado en cápsulas elaborado con algas mariñas e cunchas de moluscos.

O proxecto foi desenvolvido por catro estudantes do ciclo superior de Comercio Internacional do CIFP Fontecarmoa de Vilagarcía de Arousa, baixo a supervisión da profesora Paula Boo.

O equipo gañador poderá acceder aos viveiros da Rede galega de viveiros de empresas en centros educativos ou á área de emprendemento industrial do Centro Galego da Innovación da FP e recibir asesoramento técnico especializado. Máis información aquí.

Proxecto ESClimaTIC

Laura Vidal Bralo, doutora en Bioloxía e coordinadora de sustentabilidade da cooperativa Dalle que dalle, preséntanos os resultados do proxecto ESClimaTIC (acrónimo de Estratexia, Clima e Tecnoloxías da Información e Comunicación), na que participaron varias confrarías da ría de Arousa.

Un equipo técnico composto por persoas con diversos perfís das confrarías da Pobra do Caramiñal, da Pastoriza de Vilanova, de San Martiño do Grove e de San Antonio de Cambados adaptou ao contexto pesqueiro-marisqueiro local a Climate-Resilient Fisheries Planning Tool (CRF), unha metodoloxía desenvolvida pola SNAPP (Science for Nature and People Partnership). Esta ferramenta facilita a toma de decisións estratéxicas das PEMEs locais, promovendo a súa resiliencia climática e a sustentabilidade das actividades que desenvolven.

Podes ler o artigo completo aquí.