Novos usuarios e recertificacións

En abril certificouse como distribuidora de cefalópodos a empresa Descaexport. A Lonxa de Sada renovou a súa certificación para peixes e cefalópodos, e Portomuiños, para algas e bivalvos. Por outra parte, adheríronse á marca o Restaurante A Centoleira, de Bueu e tres peixerías: Loli Loureiro Mariscos e Peixería Sole, na Praza de Abastos de Pontevedra, e Miguel Ángel Martínez, na Praza de Abastos de Bueu, quen colle o testigo de Fita Cartagena, súa nai, que nos deixa para gozar dunha merecida xubilación.

A vieira, en Gusto Gallego

A vieira protagoniza o número catro da Revista Gusto Gallego, presentado o pasado 26 de abril no Salón de Gourmets. O equipo técnico de pescadeRías estivo alí, onde tivemos ocasión de presenciar unha magnífica posta en escea para a raíña das nosas rías. Neste número colaboran máis de 50 profesionais, entre os que destacan 30 cociñeiros, moitos deles galegos, que teñen este produto como bandeira.

App Non piques, non peques

Xa está dispoñible a aplicación para móbiles «Non piques, non peques”, que nos axudará a identificar de forma sinxela e rápida os tamaños mínimos legais e a mellor época para consumir os peixes e mariscos máis habituais en Galicia.

A aplicación foi desenvolvida pola Consellería do Mar e está dispoñible de xeito gratuito para dispositivos Android, Iphone e Windows Phone.

A captura do polbo con nasas

Pulponor, S. Coop. Galega, empresa certificada pescadeRías, ¿de onde se non? para a distribución de cefalópodos cedeunos unha marabillosa reportaxe fotográfica coa que vos ofrecemos este vídeo explicativo sobre a captura do polbo en Galicia. Pulponor, S. Coop. Galega é distribuidor exclusivo de Polbo de Lonxa, a marca creada polo Grupo de Acción Local de Pesca Costa Sostible, que integra ás confrarías de Fisterra, Corcubión, Lira, Muros e Porto do Son.

Aforo completo nas Semanas do Mar

Éxito de participación nas Semanas do Mar de Ourense celebradas en abril, con todas as prazas cubertas e máis de 500 participantes. O público adulto tivo oportunidade de participar nos obradoiros impartidos polo equipo técnico de pescadeRías, xunto con chefs de recoñecido prestixio como Emma Pinal, Héctor López, Flavio Morganti e José Manuel Mallón. Tamén se programaron actividades para escolares como visitas á lonxa de Canido e ao Museo do Mar de Vigo, e obradoiros para promover o consumo de produtos do mar.

Obradoiros pescadeRías

Seguimos cos obradoiros divulgativos destinados a diferentes públicos, desde escolares a consumidores, profesionais de hostalería ou estudantes.

Neste vídeo ofrecemos un resume dos obradoiros organizados en abril en colaboración con distintas entidades, e as súas temáticas: pesca sostible, identificación e diferenciación de moluscos, grados de frescura de peixes brancos e azuis, identificación e despece de raia, e manipulación e limpeza de peixe.

Cos futuros profesionais de peixería

Os concellos de Ames e Brión están a desenvolver o programa integrado para o emprego InsertAmes, no que inclúen un curso de «Auxiliar da sección de produtos frescos: peixería». No marco desta formación práctica para futuros peixeiros e peixeiras convidaron ao equipo técnico de pescadeRías a impartir unha charla sobre produtos da pesca artesanal galega, marcas de calidade e etiquetado dos produtos frescos do mar, xunto co cociñeiro José Manuel Mallón Ardións.

Camiño dos 7000 fans en Facebook

O noso número de seguidores en Facebook sigue medrando, e estamos perto dos 7000. Cando academos esa cifra, celebrarémolo co sorteo dunha cea degustación para dúas persoas nun restaurante adherido á marca.

Para participar no sorteo só tes que ser seguidor/a da nosa páxina de Facebook, aínda estás a tempo. Sorte e grazas por estar aí!!

Centros de Formación en Hostalería

Seguimos visitando os centros de formación en hostalería de Galicia. Este mes estivemos na Escola de Hostalería Álvaro Cunqueiro pertencente á Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de A Coruña, e na Escola de Hostalería San Javier, tamén en A Coruña. O alumnado de ámbolos dous centros coñeceu de primeira man os produtos da pesca artesanal nunha charla impartida polo equipo técnico da marca pescadeRías ¿de onde se non?