Accións formativas

En novembro, impartiuse formación en Hixiene Alimentaria e Manipulación de Alimentos e en Sistemas APPCC nas Confrarías de Pescadores de Pontedeume e Redondela, así como na empresa certificada HQ Seaweed S.L.

Un dos requisitos esixidos pola marca pescadeRías, ¿de onde se non? é que os establecementos conten cun sistema APPCC implantado, garantindo así o cumprimento de todos os requisitos hixiénico-sanitarios establecidos pola lexislación vixente. Así mesmo, todo o persoal manipulador, ou con responsabilidades no sistema APPCC, debe recibir a formación correspondente de xeito regular.

Convocatoria de PERMEX

Publicada a RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2020 da Xefa Territorial da Consellería do Mar en Vigo pola que se convoca o proceso selectivo para o acceso ao permiso de explotación de percebe a pé da confraría de a Guarda. O número de prazas ofertadas é de 4. Podes acceder a toda a información premendo aquí.

O plan de xestión do recurso percebe na modalidade a pé da Confraría de A Guarda, contempla un número máximo de 50 permisos de explotación, cun tope de 4 quilos netos de percebes por persoa e día. A Lonxa de A Guarda está certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? para todos os grupos biolóxicos que comercializa.

Dominio público portuario

Publicada a RESOLUCIÓN do 17 de novembro de 2020 pola que se aproba o procedemento de autorización de ocupación de dominio público portuario en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia e o procedemento de prórroga de autorización de ocupación de dominio público portuario.

Podes acceder a este procedemento premendo aquí para novas autorizacións e aquí para as prórrogas.

Explotación sostible de macroalgas

As macroalgas, ademais de ser un compoñente fundamental dos ecosistemas mariños, ofrecen un gran abanico de usos e aplicacións. Na actualidade están sometidas a diferentes riscos, polo que as súas poboacións deben ser xestionadas de xeito adecuado. Premendo aquí, podes acceder a un artigo sobre a súa explotación sostible do Doutor Manuel García Tasende, investigador no CIMA e investigador principal do Proxecto ALGA.

A receita do mes

O escacho (Trigla spp.) é un peixe branco habitual na pesca artesanal, cheo de sabor a mar e apreciado na cociña, especialmente se son de bo tamaño. Pode ser unha orixinal opción para incorporar no noso menú de Nadal.

A nosa receita deste mes, Escacho e soia cítrica, é unha proposta de Alberto Carou Iglesias, chef do restaurante Curral do Marqués, en Rianxo. Preme aquí para acceder a ela.