Novos restaurantes adheridos

Este mes damos a benvida a é-restaurante, establecemento que está a piques de abrir as portas en Marín, e a Muelle 43, ubicado en Mugardos.

é-restaurante busca ofrecer unha experiencia gastronómica única, onde as novas técnicas culinarias se fusionan cos produtos de antano, revalorizándoos a través dos recordos e do respecto pola tradición.

Muelle 43 ofrece unha cociña tradicional a base produtos de proximidade, entre os que non pode faltar o polbo á mugardesa. Ofrece peixes e mariscos comercializados polas confrarías da contorna, que contan con selo pescadeRías de onde se non?

Entidade do mes: Confraría de Corcubión

A Confraría de Pescadores Virxe do Carmen de Corcubión está certificada polo selo pescadeRías de onde se non? desde 2014. Actualmente o alcance da certificación é a comercialización de bivalvos, crustáceos, equinodermos, peixes, cefalópodos, algas e antozoos.

No 2024 as principais especies comercializadas por volume foron a sardiña, o xurelo e o polbo; por importe, a sardiña foi a principal especie, seguida do polbo, co ourizo e xurelo empatados en terceiro lugar.

A Confraría de Corcubión organizou o pasado ano as I Xornadas Gastronómicas de exaltación de tres produtos da pesca local: polbo, longueirón e algas.

Axudas

Está aberta a convocatoria para o ano 2025 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos para a modernización e mellora dos equipamentos e das infraestruturas dos portos pesqueiros, dos lugares de desembarque, das lonxas e dos ancoradoiros, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e tramitadas como expediente anticipado de gasto (código de procedemento PE209G).

Podes ver a orde completa aquí.

Proxecto PERCEBES

Un equipo internacional, liderado pola Universidade de Oviedo, coa participación da catedrática Elsa Vázquez e do investigador Salvador Román, do CIM-UVigo, realizou un estudo de catro anos sobre a recuperación das poboacións de percebe (Pollicipes pollicipes) na costa suroeste de Europa. A investigación contou coa colaboración das confrarías de Baiona, Cangas e A Coruña.

Os resultados revelan o papel crucial dos percebes adultos que permanecen nas rochas, actuando como núcleos clave para o recrutamento desta especie.

Podes ler o artigo completo aquí.

A receita do mes

A cociñeira Emma Pinal, do Gastrobar O Birrán de Ribadavia, lémbranos o dito popular: “En xaneiro, a raia sabe a carneiro”, e faino cunha proposta orixinal e deliciosa que é perfecta para sorprender a familiares e amizades: raia en manteiga negra.

Esta receita, ademais de sinxela, é ideal para introducir o peixe na dieta infantil, xa que a raia, ao carecer de espiñas, é fácil de comer e moi apetecible para todos os padais. Pide ao teu peixeiro ou peixeira de confianza que lle quite a pel e a corte para facilitar o cociñado.

Podes ver a receita completa aquí.