A marca pescadeRías de onde se non? acada cifras récord e consolida o seu crecemento en 2025

A marca supera as 19.300 toneladas certificadas, medra un 27 % nun ano e reforza a súa rede de entidades e presenza nas lonxas galegas.

A marca pescadeRías de onde se non? pechou o ano 2025 con resultados históricos que consolidan o seu papel como selo de referencia para o produto do mar galego. Durante o pasado exercicio certificáronse 19.312 toneladas de peixe e marisco, o que supón un incremento do 27,45 % respecto ao ano anterior e o segundo mellor rexistro desde a súa creación. Estes datos evidencian o crecente recoñecemento da marca tanto no sector como entre os consumidores, que valoran cada vez máis a orixe, a calidade e a sustentabilidade dos produtos pesqueiros.

O crecemento tamén se reflicte na estrutura da propia marca, que conta xa cunha rede de 541 entidades integradas na cadea de valor. Delas, 144 son entidades certificadas —incluíndo 46 lonxas, 35 distribuidores, 34 centros de expedición e depuración e 29 empresas de transformación—, mentres que 397 corresponden a axentes adheridos, como comerciantes, tendas en liña e restauradores que apostan polo uso responsable e a promoción do produto certificado.

No ámbito da primeira venda, destacan como principais puntos de comercialización certificada as lonxas de Ribeira, con máis de 4,3 millóns de quilos (22,40 % do total), e Portosín, con máis de 3,6 millóns de quilos (18,67 %). Séguenlles Portonovo, con 1,75 millóns de quilos (9,07 %), e Corcubión, con 1,68 millóns (8,74%).

En canto á tipoloxía de produtos, os peixes continúan a ser o grupo biolóxico predominante, ao representar o 75,31 % do total comercializado baixo o selo. A continuación sitúanse os bivalvos (14,47 %) e os cefalópodos (5,39 %). Outros grupos con menor presenza son os equinodermos, crustáceos e algas.

Estas cifras confirman a consolidación da marca como selo de identidade e calidade do produto artesanal e sostible de Galicia. A marca pescadeRías de onde se non? continúa así a reforzar a súa presenza no mercado e a contribuír á valorización da pesca artesanal, ao tempo que impulsa un modelo baseado na trazabilidade, na proximidade e no respecto polos recursos mariños.

Axudas

Está aberta a convocatoria para o ano 2025 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos para a modernización e mellora dos equipamentos e das infraestruturas dos portos pesqueiros, dos lugares de desembarque, das lonxas e dos ancoradoiros, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e tramitadas como expediente anticipado de gasto (código de procedemento PE209G).

Podes ver a orde completa aquí.

Formación en APPCC

No mes de agosto impartiuse formación en materia de Análise de Perigos e Puntos de Control Críticos -APPCC ao equipo administrativo e a asistencia técnica da Confraría de Pescadores de Mugardos.

A formación de todo o persoal implicado na cadea mar-industria é fundamental para que a trazabilidade dos produtos do mar sexa efectiva. A plantilla das entidades certificadas debe coñecer tanto o manual de xestión da marca pescadeRías de onde se non? como as súas responsabilidades e funcións.

O equipo de xestión da marca imparte formación aos distintos axentes certificados para que poidan aplicar estes coñecementos no seu día a día.

Consúltanos.

Formación a entidades usuarias

A formación en trazabilidade e seguridade alimentaria do persoal das entidades usuarias da marca é imprescindible para levar a cabo unha correcta xestión dos produtos certificados no día a día. O equipo técnico da marca encárgase de asesorar e impartir formación ás persoas implicadas no proceso de comercialización das entidades certificadas.

No mes de xuño impartiuse asesoramento e formación en hixiene e manipulación de alimentos e Análise de Perigos e Puntos de Control Crítico APPC a membros da plantilla das seguintes entidades certificadas pola marca: Lonxa de Ferrol, Lonxa de Baiona, Lonxa de Mugardos e Mariscos Calimar.