Empresa do mes: Descaexport, S.L.

Descaexport, S.L. é un grupo empresarial, con sede no edificio da Lonxa de Burela, especializado na distribución de produtos do mar en mercados centrais e grandes plataformas de distribución, cadeas de peixerías e provedores do canal HORECA, tanto a nivel nacional como internacional.

Comercializa o polbo certificado polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? como garantía da súa calidade e orixe.

Especie do mes: bolo vermello

O bolo vermello (Ammodytes tobianus) é un peixe azul de corpo alongado e pequeno tamaño que pode acadar os 20 cm de lonxitude. Captúrase de xeito artesanal coa arte do cerco.

Baixo en calorías e rico en proteínas de alto valor biolóxico, ácidos graxos omega3 e vitaminas do grupo B, podémolo atopar nos mercados a bo prezo. Para saber máis, preme aquí para ver unha ficha desta especie.

Recertificacións

Durante o mes de xullo renovaron a súa certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non? a empresa distribuidora de peixes e mariscos Descaexport, S.L., en Burela (cefalópodos), Porto-Muiños, S.L., en Cerceda (transformación de algas) e a Agrupación de Mariscadoras do Esteiro do Río Anllóns en Cabana de Bergantiños (bivalvos).

Programa de Ciencias Mariñas

Galicia impulsa un programa de traballo en rede con máis de 250 persoas investigadoras para o desenvolvemento sostible das actividades vencelladas co mar. Na iniciativa participan preto de 90 grupos de investigación de seis centros dependentes da Xunta de Galicia, das tres universidades públicas galegas e de catro centros dependentes do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Campaña «Do mar, vívese»

A campaña «Do mar, vívese» ten entre os seus obxectivos informar sobre a importancia social e económica do sector do mar, poñer en valor a actividade do marisqueo en Galicia e promover unha xestión sostible dos recursos, desde o punto de vista económico, ambiental e social. A Consellería do Mar está a levar esta iniciativa a un total de 50 praias galegas ata comezos do mes de outubro, abarcando o período no que se rexistra maior afluencia de xente nos areais. A campaña busca involucrar aos turistas na transmisión destes valores por medio de xogos e actividades lúdicas e garantir a rastrexabilidade dos produtos pesqueiros e a súa seguridade alimentaria.

A importancia das observacións no medio natural submarino

Aínda que os ecólogos mariños contan actualmente cun conxunto de ferramentas sen precedentes para inferir asociacións sociais entre individuos, a perda de contacto co mundo natural na investigación no medio acuático deriva nunha menor comprensión dos ecosistemas mariños, xa que a natureza de tales asociacións require de observacións directas. Os investigadores Gonzalo Mucientes, David Villegas e Albert Fernández, realizan neste artigo un chamamento a investigadores, axencias de financiamento, gobernos e editoriais científicas para que acepten a importancia do enfoque centrado na historia natural para as ciencias acuáticas.