Mercado & Festa do Mar

Un ano máis e como parte das actividades da IX Edición do Festival Mar de Mares,Mercado do Mar volve á explanada do Parrote en A Coruña o 17 e 18 de setembro. Asistirán as empresas certificadas Porto-muiños, S.L. e Mariscos Laxe de Rons S.L.  O domigo 18,  ás 12:00 horas, celebrarase o showcooking Tesouros das nosas rías con produtos certificados que correrá a cargo de Lolo Mosteiro e Paula Martínez do restaurante A Artesa da Moza Crecha de Betanzos.

XXI Festa do Polbo de Bueu

Do 13 ao 15 de agosto celebrouse en Bueu a XXI Festa do Polbo na que se puideron degustar ata 20 especialidades elaboradas con este cefalópodo.

Como en anos anteriores, colaboraron no evento a Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu e Frigoríficos Rosa de los Vientos S. L. Ambas entidades están certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Empresa do mes: Frigoríficos Rosa de los Vientos, S.L.

Frigoríficos Rosa de los Vientos, S.L. é unha empresa familiar con 30 anos de andadura no sector, certificada polo selo pescadeRías para a transformación de bivalvos e cefalópodos.

En constante innovación, baixo a marca O Pulpeiro comercializa polbo galego procedente da pesca artesanal tanto conxelado como cocido e pasteurizado.

Especie do mes: Salmonete de rocha

salmonete de rocha (Mullus surmuletus) é un peixe semigraxo que habita en fondos de area e rocha próximos á costa e que se captura habitualmente con artes de enmalle. Entre agosto e decembro está na súa mellor época de consumo. Considerado unha exquisitez polo seu intenso sabor a marisco, aporta importantes beneficios para a saúde. Para saber máis preme aquí para ver unha ficha.

Certificacións

A Confraría de Pescadores de Vigo renovou a súa certificación no selo pescadeRías para a comercialización de bivalvos, cefalópodos, crustáceos, algas, antozoos e equinodermos. Pola súa banda, a Lonxa da Illa de Arousa, xestionada pola O.P.P.20 e certificada para a comercialización de bivalvos, algas, antozoos e crustáceos, superou unha auditoría de seguimento.

Pescada vs pescadilla e carioca

A pescada (Merluccius merluccius) pode ser capturada a partires dos 27 cm, aínda que o máis recomendable é pescala de tamaños maiores. As pescadas pequenas coñécense como pescadillas mentres que as cariocas son individuos por debaixo do tamaño legal de captura e debemos rexeitalas se as atopamos no mercado. Preme aquí para ver unha ficha sobre os tamaños desta especie.

Vedas da lagosta e do boi

O 3 de setembro comezou a veda do boi (Cancer pagurus), que durará ata o 6 de novembro, conforme se recolle no Plan de xestión da centola e do boi 2022-2023. Así mesmo, entre o 30 de setembro e o 1 de decembro a lagosta (Palinurus elephas) entrará en veda en augas galegas conforme se establece no Plan xeral de explotación marisqueira para o trienio 2021-2023.

Ordenación da pesqueira da xarda

Resolución do 12 de agosto de 2022, da Secretaría Xeral de Pesca, pola que se modifica a do 2 de marzo de 2022, pola que se establecen disposicións adicionais de ordenación da pesqueira da xarda (Scomber scombrus) das zonas 8c e 9a para os buques da frota doutras artes distintas ao arrastre e cerco con porto base na provincia de Pontevedra.