Especie do mes: alfóndega

A alfóndega (Chelidonichthys lucerna) é un peixe de corpo cónico, escamas pequenas e cabeza grande e angulosa. O dorso presenta tons pardo-avermellados e destaca polas aletas pectorais cos radios inferiores libres, que lle permiten desprazarse polo fondo.

Habita en fondos de area, fango ou grava entre 20 e 300 m de profundidade e aliméntase de crustáceos e moluscos. Distribúese no Atlántico oriental, de Noruega a Senegal, e no Mediterráneo. É unha especie común nas lonxas galegas e moi apreciada pola firmeza e sabor da súa carne. A frota artesanal captúraa con trasmallos e palangre de fondo.

Amplía a información aquí.

A receita do mes

A receita do mes chega da man de Javier Rodríguez Ponte “Taky”, xefe de cociña do Catering Boketé. Proponnos un lombo de alfóndega á tixola con crema de apiorravo e vinagreta de encurtidos, unha elaboración saborosa e moi sinxela de adaptar á cociña da casa.

O prato foi presentado na cata “pescadeRías de onde se non?: o mellor da nosa pesca artesanal “ durante a última edición de San Sebastián Gastronómika, onde destacou pola textura e polo protagonismo do produto.

Podes consultar aquí o paso a paso desta receita e animarte a preparala na túa propia cociña.