A especie do mes: O sanmartiño

O sanmartiño (Zeus faber) é un peixe de corpo alto e comprimido, cunha cabeza moi grande e carente de escamas, excepto na liña lateral. Presenta espiñas ao lado do abdome e a aleta dorsal ten radios moi longos. De cor dourada ou gris verdosa, ten unha mancha negra rodeada de branco ou amarelo no centro do corpo, a ambos os dous lados. Pode chegar aos 60 centímetros de largura, aínda que adoita medir entre 20 e 50. Acada a madurez sexual aos 4 anos.

Aliméntase principalmente de peixes das familias dos clupeidos (como a sardiña) e gádidos (como a faneca), e consomen en menor medida cefalópodos e crustáceos.

Podes atopar máis información sobre esta especie nesta ligazón.

Especie do mes: a lura

A lura (Loligo vulgaris) é un cefalópodo de corpo musculoso, alongado con forma de cilindro comprimido e afiado, terminado con dúas aletas triangulares, a modo de torpedo. As aletas triangulares, con forma de rombo, esténdense desde o extremo final ata a metade do corpo. Posúe unha cuncha interna reducida a unha fina lámina transparente, en forma de pluma.

Aliméntase de crustáceos, pequenos peixes, poliquetos e doutros cefalópodos, e ten capacidade para mimetizarse co fondo, variando a súa cor como reacción a diversos estímulos. Preme aquí para ver a ficha informativa desta especie.