A entidade do mes: Confraría de Pescadores de Sada

A Confraría de Pescadores de Sada forma parte da marca de calidade pescadeRías de onde se non? desde o ano 2008. A súa actividade principal céntrase na comercialización de peixe azul procedente da flota do cerco, coa sardiña como principal recurso.

A certificación abrangue a lonxa, como punto de primeira venda, e a actividade de distribución, e inclúe os grupos biolóxicos de peixes, crustáceos e cefalópodos.

A confraría dispón dun punto de venda directa ao consumidor na lonxa de Sada e tamén dunha tenda online que realiza envíos á Península Ibérica.

A receita do mes: xarda con allo branco de mexillóns

O cociñeiro Marcos Arufe, do Espazo Remollo de Ames, preséntanos unha receita de xarda semicurada con allobranco de mexillóns, que formou parte da cata pescadeRías de onde se non? no Fórum Gastronómico de Galicia.

A elaboración combina lombos de xarda curados e mariñados nunha mestura de mel, salsa tamari e kimchee, cunha crema fría feita con améndoas, mexillóns, xenxibre, miso branco e pan galego. O peixe sérvese sobre o allobranco e decórase con ceboliña, cebola vermella envinagrada e fíos de chile. Un prato fresco, saboroso e con produto do mar como protagonista, que mestura tradición e creatividade cun resultado equilibrado e cheo de matices.

Podes ver a receita completa aquí.

A receita do mes

A protagonista da nosa receita de agosto é a xouba (Sardina pilchardus) un dos peixes azuis máis empregados na nosa cociña tradicional. Agora é un bo momento para mercala no teu punto de venda de confianza e consumila coas súas propiedades nutricionais nos seus máximos niveis.

Alberto Carou, xefe de cociña do Restaurante Curral do Marqués de Rianxo, achéganos esta orixinal receita de xouba. Este petisco foi unha das elaboracións que cociñou no showcooking da última edición da Festa da Xouba de Rianxo. Elegante, fresca e moi acaída para estas datas nas que a xouba está en comida.

Podes ver a receita completa aquí.

O artigo do mes

O artigo do mes está centrado no consumo de peixe azul e amósanos unha perspectiva dupla: os seus beneficios para a saúde e para o medio ambiente.

O catedrático de Enxeñería Química da Universidade de Santiago de Compostela Gumersindo Feijoo explica os aportes nutricionais do peixe azul e os efectos da dieta atlántica sobre a poboación. Tamén proporciona información sobre o impacto ambiental das modalidades de pesca empregadas na súa captura e a pegada de carbono asociada. Podes ler o artigo completo aquí.